A fotografía como arquivo

Imaxes de Raniero Fernández no CGAC

Nas imaxes: tres das fotografías presentes na mostra Raniero Fernández. O arquivo, que se expón nas instalacións  do CGAC.

Nas imaxes: tres das fotografías presentes na mostra Raniero Fernández. O arquivo, que se expón nas instalacións do CGAC. / Cortesía do CGAC

O CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela dedica unha ampla exposición a Raniero Fernández (Vigo, 1909-1999) un fotógrafo que desenvolve durante as décadas cincuenta e sesenta do século pasado unha interesante obra realizada desde unha singular concepción documental, que o creador entende desde a perspectiva do arquivo e que foi elaborando desde uns principios moi persoais que delatan o coñecemento das correntes vangardistas da altura en que traballa. Ao mesmo tempo, cómpre subliñar que a súa actividade como fotógrafo está estreitamente vinculada co labor que foi desenvolvendo como membro fundador e presidente da Agrupación Fotográfica Gallega durante o período en que esta asociación tivo a maior actividade, contexto en que xogou un papel central como dinamizador das actividades, dos concursos e das publicacións.

Centrándonos xa na súa obra creativa, que é cerna do proxecto expositivo comisariado por Manuel Sendón e Xosé Luís Suárez Canal, as súas series, como a que realizou no porto de Vigo e as de canastros e cruceiros, comparten a perspectiva de arquivo e nelas o tema documentado sempre é plasmado desde un fondo respecto co medio e o territorio, lonxe de calquera afectación e cun extremo rigor formal, un rigor procurado realizando unhas fotografías que lonxe dunha utópica obxectividade procuran a maior integridade e honestidade posíbel.

Faenando en la ría de Vigo, fotografia de Raniero Fernández.

Unha das imaxes da serie na ría de Vigo. / FDV

Estamos perante un traballo que destaca pola intensidade de visión e mais polo coñecemento das calidades do medio fotográfico, cun respecto absoluto polo oficio e polo obxecto a fotografar, sen empregar procesos de manipulación. O resultado é unha estética propia, unha maneira de ollar, baseada nos motivos captados e na utilización de tipoloxías seriadas, resaltando a solidez das formas, que nel son sempre elementos significantes, aspectos que a montaxe da mostra enfatiza de xeito moi atractivo. Un criterio que se segue, por exemplo, no tratamento das escenas do porto de Vigo, e na captación das situacións concretas, subliñando a homoxeneidade ou o carácter contrastivo das situacións. Mais sempre desde o rigor, un aspecto que o fotógrafo consideraba ineludíbel á hora de abeirar o seu traballo, sen que o inmediato e o sentido da oportunidade xornalística poida limitar o valor estético e a capacidade de comunicación que toda obra debe tamén presentar para se converter nun elemento con capacidade de plena comunicación.

A fotografíacomo arquivo

Unha das fotografías presentadas na mostra do CGAC. / Cortesía do CGAC

Hai moito de exploración dun territorio, como recolección dunha memoria visual da propia experiencia, un punto de vista claramente individual mais que mantén o respecto polo captado desde unha perspectiva marcadamente documental. Partindo destes postulados, Raniero Fernández constrúe imaxes elaboradas por medio de composicións perfectamente equilibradas, dentro da aparente simplicide. O resultado é unha produción caracterízada por un ollar claramente estruturado e por medio del procura un vieiro propio desde a perspectiva estética, que acabou por situalo como unha das máis sobranceiras figuras da fotografía da súa xeración.

A fotografíacomo arquivo

Outra das imaxes da exposición que amosa un hórreo derruído. / Cortesía do CGAC

[object Object]

A exposición dedica tamén unha especial atención ao contexto. Cómpre ter presente que toda a actividade fotográfica non profesional durante os anos cincuenta e sesenta se realizou no seo das agrupacións e a Agrupación Fotográfica Gallega era entre todas as galegas a máis activa. A agrupación potenciou o debate entre as novas propostas fotográficas, representadas por Ricard Terré, e a fotografía que se estaba a facer nas agrupacións. Mais, como posteriormente diría Terré e sinalan os comisarios da mostra do Centro Galego de Arte Contemporánea, en Galiza houbo fotógrafos que realizaron unha fotografía diferente á doutras agrupacións, menos pomposa e menos académica. E este é o caso de Raniero Fernández, de feito as súas imaxes están lonxe da estética do pictorialismo serodio que caracteriza a fotografía afeccionada desa altura, e non só en contextos como o noso. Todo isto explica o acerto e interese da exposición Raniero Fernández. O arquivo que nos fornece unha revisión da obra do fotógrafo vigués desde unha óptica actual e ao mesmo tempo contextualiza o seu traballo na súa época, para o que se insiren na exposición obras doutros fotógrafos como Manuel Ferrol, Losada, Rueda, Schmidt de las Heras, Ricard Terré, Veiga Roel e Zamora.

As fotografías, alén dos valores formais xa sinalados, funcionan como verdadeiros documentos históricos que inclúen imaxes que son espello das mudanzas sociais, até organizaren unha historia coidadosamente trazada en determinados ámbitos. Raniero Fernández. O arquivo permite tamén diferentes lecturas, mesmo as centradas na observación do país, aparecendo daquela un retrato social que permitiría mesmo análises desde a socioloxía, en especial cando nos enfrontamos a imaxes da vida cotiá.

Título: "Raniero Fernández. O arquivo".

Autor: Raniero Fernández.

Comisariado: Manuel Sendón; Xosé Luís Suárez Canal.

Local: CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela.

Até o 12 de febreiro de 2023.

Suscríbete para seguir leyendo