Sigo a facerme preguntas (1)

Efectos dun misil sobre unha vivenda en Gaza.

Efectos dun misil sobre unha vivenda en Gaza. / Anja Niedringhausap

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Durante toda a miña vida non deixei de facerme preguntas. Case diría que toda ela está feita de preguntas. Preguntas, demasiadas veces, sen respostas ou con respostas difusas que non clarexaban nada. Preguntas que abafaban. Preguntas inxenuas. Preguntas cargadas de rabia. Preguntas en voz baixa ou a berros; con sorrisos ou con bágoas.. Preguntas que, talvez, andaban soprando no vento, que diría o vello Dylan, cando era mozo, na súa coñecida canción. Tamén Labordeta chegaba a preguntarse “que facía el aquí” nun fermoso tema. E, coma o cantautor aragonés, púxenme a pensar que facía eu no mundo tan gris que me tocou vivir e outras cousas.

Hoxe, dende a fiestra, non deixo de plantear preguntas que provocan silencios hipócritas ao meu redor. Silencios interesados, dispostos a disolver nunha néboa perenne aquelas cuestións que me preocupan. Silencios coma muros infranqueables que tapan as mesquindades que, cada día, se producen nunha sociedade bastante idiotizada.

De aí que siga rodeado de preguntas decontino, porque non entendo condutas e actitudes sociais que me preocupan e me fan pensar que estamos facendo para retorcer a realidade e convertela nunha fonte de odio que asusta.

Pregúntome, por exemplo: por que non se detén o xenocidio do pobo palestino? E non falo unicamente da guerra inxusta actual (que si), senón das mortes, enfermidades e privacións que levan padecendo dende hai unha chea de anos sen que ninguén queira deter esta brutal agresión. Por que non aparece a bandeira palestina nas televisións, igual que o facía a bandeira ucraína durante a invasión rusa? Hai mortos de primeira e mortos de segunda clase? Lamentablemente, así é.

Por que houbo amnistías de lamentable ética neste país sen oposición e agora unha parte da sociedade érguese perante a posibilidade de que sexa unha ferramenta política no complexo caso de Cataluña? Si, digo “ferramenta política”, porque a xudialización dos feitos foi un enorme erro. A política está para conversar, chegar a acordos, ceder, negociar, pero, endexamais, para poñer nas mans dos xuíces o que lle corresponde a ela. Da boa política depende a convivencia.

E sigo preguntando por que as RRSS e moitos lamentables programas televisivos, -onde nos faladoiros os todólogos opinan de calquera tema coma se fosen expertos- lanzan bulos, mentiras, insultos e faltas de respecto sen sufrir ningunha consecuencia.

Non podo menos que preguntarme por que, sendo conscientes das mortes e violacións de mulleres que podemos ler/ver cada pouco, hai políticos que negan ou minimizan estes terribles feitos. É unha vergoñosa trivialización do sufrimento da muller, que me angustia. Din auténticas barbaridades, suprimen proxectos de igualdade, loitan contra os programas de educación sexual e, no cumio do cinismo, inventan iso do “pin parental”, para coutar os intentos do profesorado de abrir camiños a través de encontros e conferencias de especialistas neste tema. Para chorar.

Se atraveso o estreito de Xibraltar, atopo unha África desangrada en guerras que non teñen difusión ningunha, pero que están vivas, por desgraza. Guerras que levan por diante a tantos seres humanos por teren a mala sorte de nacer onde naceron. Despois de seren esquilmados por Europa, aí quedaron esquecidos e coas mans atadas para vivir en liberdade. A ninguén lle importan.

E por que hai tantos e tantos inmigrantes subsaharianos, que chegan ás costas europeas fuxindo da guerra, da miseria, das catástrofes e do horror e son tratados dun xeito inhumano nas fronteiras desa Europa que os explotou e, no canto de darlles un peixe, como di o proverbio chinés, por que non se lles aprendeu a pescar? Foxen dun inferno xogándose a vida en embarcacións máis febles ca unha casca de noz, coas olladas da esperanza dun futuro mellor, vítimas, por se fose pouco, das mafias que se enriquecen furgando na dor humana.

Seguiría (e sigo) facéndome preguntas das que sei (ou intúo) as respostas. Fágoas en voz alta. Son preguntas -hai moitas máis- que me preocupan perante a actitude hipócrita e os intereses económicos ou xeopolíticos daqueles personaxes que podían poñer freo a tanta inxustiza e non o fan.

Sei que existen partes positivas na nosa vida. Faltaría máis. Precisamente esas que, por desgraza, non saen nos xornais, nos informativos de radio ou televisión. Seino, estean tranquilos. Non vou de alarmista. Se non fose así, como respirariamos? Porén, proben a reflexionar (temo que se reflexiona pouco) e fáganse preguntas. Se poden, contéstenas e procuren ir á raíz dos acontecementos que lles preocupan. Lean, escoiten, cambien impresións e prendan a luz da esperanza. Fágano en harmonía. Estou seguro de que se sentirán moito mellor. Nós tamén somos cómplices do que ocorre.

Mentres reflexionan, déixolles aquí un poema de Pablo Neruda, que pertence ao seu Libro de las preguntas, obra póstuma do poeta chileno: Caen pensamientos de amor/ en los volcanes extinguidos?/ Es un cráter una venganza/ o es un castigo de la tierra?/ Con qué estrellas siguen hablando/ los ríos que no desembocan?.

Lean, pechen os ollos e respondan.

Suscríbete para seguir leyendo