Un refuxio para todo o ano

Natureza salvaxe, tradicións ancestrais, gastronomía e cultura, convertan A Estrada nun destino ideal en calquera momento

O Turismo Rural e de aventura son algunhas das alternativas.

O Turismo Rural e de aventura son algunhas das alternativas. / Cedida

M. González

A Estrada é Camiño, tanto que ata a propia orixe do topónimo alude á existencia dunha vía de peregrinación. Na actualidade, un total de tres roteiros a Compostela atravesan o seu territorio: o Camiño da Geira Romana e dos Arrieros, o Miñoto Ribeiro e o Sanabrés. A estes roteiros xacobeos oficiais súmanselle máis de 150 quilómetros de rutas: dez traxectos sinalizados que parten da vila da Estrada, os PR-G 96 Roteiro de Castro e PR-G 197 Roteiro de Codeseda-Rapa das Bestas, os roteiros dos muíños de Golfariz e a dos muíños de Vesacarballa, o roteiro da Fervenza de Callobre e o roteiro de Entre as Pontes en Pontevea.

O Concello da Estrada pode presumir, ademais, de contar co máis representativo dos pazos de Galicia, o Pazo de Oca. Coñecido como o Versalles Gallego, pertence á Fundación Casa Ducal de Medinaceli e forma parte do Roteiro da Camelia. Visitables, e cun trazado que reproduce a tradición paisaxística francesa, os xardíns do Pazo de Oca están datados na segunda década do século XVIII. Auga, pedra e vexetación converten a este monumento nunha obra mestra da arquitectura, a enxeñería e a xardinería.

Gran parte do territorio estradense enmárcase dentro da Rede Natura 2000, unha rede ecolóxica de áreas de conservación da biodiversidade da UE. O sistema fluvial formado polo río Ulla e os seus afluentes e os espazos húmidos de montaña coñecidos como Lagoa Sacra e Brañas de Xestoso, son parte fundamental. Destacan os cotos salmoneros de Ximonde (un dos máis importantes de Galicia, escenario do Concurso Internacional de Pesca de Salmón) e do Xirimbao.

O Turismo Rural e de aventura son algunhas das alternativas.

O Turismo Rural e de aventura son algunhas das alternativas. / Cedida

Tras os actos de celebración enmarcados na Festa do Salmón -que este ano vén de celebrar as súas vodas de ouro- chegan os meses de verán, e que mellor maneira de recibir ao bo tempo que coa sidra local, elaborada con mazá autóctona e de cultivo ecolóxico. A súa importancia e repercusión derivou nos últimos anos na creación da Feira da Sidra, un encontro de produtores e adegueiros que serve para colocar á Estrada no mapa mundial desta refrescante bebida. 

Coa resaca das festas patronais na honra a San Paio que hoxe dan comezo, tocará baixar á parroquia de Sabucedo para vivir a espectacularidade da Rapa das Bestas, festa declarada de Interese Turístico Internacional que cada primeira fin de semana de xullo perpetúase no municipio pontevedrés.