Seis días de San Xoan festivo e participativo

Verbena, sardiñada e cacharelas súmanse aos actos litúrxicos destas datas sinaladas

Algúns momentos do San Xoán de Poio en 2023.

Algúns momentos do San Xoán de Poio en 2023. / Concello de Poio

Moitos din que estamos ante a noite máis máxica do ano, pero poucos entenden tan ben esta frase coma os veciños de Poio, que cada ano por estas datas renden tributo ao seu patrón mesturando o mellor da nosa cultura popular e gastronómica con sardiñadas, boa música e, por suposto, as súas tradicionais cacharelas, protagonistas indiscutibles destas datas.

Unha cita de referencia dentro da bisbarra de Pontevedra para a que o Concello ampliou a programación deste ano, cunha gran variedade de actividades, entre as que tampouco faltarán os actos litúrxicos dos días clave.

“Unha programación moi completa, con propostas para todos os públicos, que involucra a colectivos locais e que se leva a diferentes lugares do municipio”, destacou o alcalde, Ángel Moldes, durante a presentación da cita.

Na presentación das festas, Moldes estivo acompañado por representantes dos colectivos locais que participan na programación, así como do concelleiro de Festexos, Fran Dasilva, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís. “Esta festa naceu dos propios veciños e dos colectivos, e por iso queríamos contar con todos eles. Queremos que sexan unhas festas participativas, porque o noso concello e todos os eventos que organizamos son de todos e para todos, e converter así a semana grande de San Xoán en orgullo de toda a veciñanza”.

Pistoletazo de saída: hoxe sábado

Durante a súa intervención, Moldes agradeceu a colaboración de todos eles, e destacou tamén o traballo das concellerías de Festexos e Cultura, “que levan meses traballando arreo para ter unha programación á altura dunha das principais festas de toda a comarca”.

Algúns momentos do San Xoán de Poio en 2023.

Algúns momentos do San Xoán de Poio en 2023. / Concello de Poio

O San Xoán arranca oficialmente hoxe ás 21 horas coa lectura do pregón, da man do veciño de Campelo, o xornalista Rafa Cabaleira. Tamén terá lugar a entrega dos premios aos mellores deportistas da tempada 2023-2024.

Pero xa dende as 10 horas gozamos en Poio da música e a animación, con alboradas nas parroquias a cargo de agrupacións folclóricas locais (coma a Escola de Música Tradicional de Poio e Vides Novas) e os pasarrúas a partires das 20 horas, a cargo de Máis Cantos e a Charanga 112.

Este día, ademais, na Praza do Mosteiro actuará o Trío Arena, “a modo de recordo de cando as festas se celebraban, antigamente, no campillo do Mosteiro”.

O xornalista Rafa Cabaleira lerá hoxe o pregón das festas, dando inicio ao San Xoán de Poio

As misas solemnes terán lugar o luns 24, martes 25 e mércores 26, ás 12 horas. O luns será na honra de San Xoan Bautista, coa actuación da Coral de Poio. O martes na honra de Santa Trahamunda, coa Coral Virxe da Renda. E por último, o mércores na honra de San Fructuoso, coa actuación da Coral Virxe de Fátima.

E por suposto, non podemos esquecer as verbenas que encherán de música e festa esta semana. Dende actuacións das corais, bandas de música e agrupacións folclóricas durante o día ata a visita de orquestras durante a noite (entre as que atopamos a imprescindible Panorama ou, a experta en animación, Orquestra Gran Parada), que convertirán á Seca no punto de encontro para os amantes da festa e do baile.

E por último, Poio repite o éxito do ano pasado coa festa infantil que se estrenou en 2023 na programación de San Xoán, este ano prevista para o día 27.

Así, tamén na Seca, dende as 18.00 horas haberá inchables, escuma e animación musical con Javi Solla. Non o perdades!