Dano Cerebral Galicia reclama a posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado e outras medidas de accesibilidade, vida independente ou inserción laboral

Nun acto coa Valedora da Pobo, a que ata agora se chamou Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) presentou tamén o seu novo nome e imaxe de marca

Foto de familia do acto de presentación de Dano Cerebral Galicia.

Foto de familia do acto de presentación de Dano Cerebral Galicia. / Jesús Prieto

A posta en marcha do Proceso Asistencial Integrado (PAI), entre outras oito medidas de accesibilidade, vida independente ou inserción laboral a prol das personas con dano cerebral adquirido foron protagonistas durante o acto de presentación do novo nome e imaxe de marca de Dano Cerebral Galicia, celebrado este venres na sede da Valedora do Pobo de Galicia en Santiago ante máis de 30 representantes de diversos sectores

Un rebranding co que a que ata o de agora se chamou Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) busca facilitar o recoñecemento desta discapacidade, facilitar a identificación das asociacións coa discapacidade da que se ocupan, e amosar unha imaxe de unidade de todo o tecido asociativo.

Luciano Fernández Pintor, presidente de Dano Cerebral Galicia, durante a súa intervención.

Luciano Fernández Pintor, presidente de Dano Cerebral Galicia, durante a súa intervención. / Jesús Prieto

“Pasamos de ser a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) a Dano Cerebral Galicia, pero as nosas funcións mantéñense”, expresou neste senso Luciano Fernández Pintor, presidente de Dano Cerebral Galicia sobre o proceso iniciado en 2017 a nivel estatal para a integración de todo o movemento asociativo nunha soa marca. 

A Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño, puxo en valor a necesidade de avanzar xuntos como sociedade.

A Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño, puxo en valor a necesidade de avanzar xuntos como sociedade. / Jesús Prieto

“Hoxe é un día importante para nós, para todas as asociacións, familias e persoas con dano cerebral adquirido. Hoxe presentamos o que é un paso máis cara a unidade da súa representación, o que significa notoriedade e concienciación do conxunto da sociedade. Desde hoxe, a nosa voz alzada emite un só berro, que é o de que somos, con maiúsculas, Dano Cerebral”, celebrou Fernández Pintor durante a cita, que contou coa intervención da Valedora do Pobo de Galicia, María Dolores Fernández Galiño, que quixo por en valor a necesidade de avanzar xuntos.

“Hai persoas que están nas marxes por mor da súa discapacidade e cómpre poñelas no centro das políticas públicas, porque, deste modo, non se deixa ninguén atrás e avanzamos todos como sociedade”, expresou. 

Montserrat Terceiro Rey, membro da Rede de Cidadanía Activa do movemento asociativo do dano cerebral, deu voz ás demandas e propostas do movemento asociativo para a lexislatura.

Montserrat Terceiro Rey, membro da Rede de Cidadanía Activa do movemento asociativo do dano cerebral, deu voz ás demandas e propostas do movemento para a lexislatura. / Jesús Prieto

Demandas para a lexislatura

Durante o acto, as demandas e propostas do movemento asociativo para a lexislatura foron as principais protagonistas na voz de Montserrat Terceiro Rey, membro da Rede de Cidadanía Activa do movemento asociativo do dano cerebral. Un total de nove medidas de accesibilidade, vida independente ou inserción laboral entre as que se atopan reivindicacións fundamentais como a creación dunha Comisión Permanente e Lexislativa sobre Discapacidade no Parlamento de Galicia, a necesidade da actualización do financiamento dos servizos e programas de atención a persoas con dano cerebral adquirido ao IPC autonómico; a reestruturación dos servizos existentes e a ampliación de novos recursos materiais, técnicos e humanos para a aplicación do Proceso Asistencial Integrado (PAI) para o dano cerebral adquirido

O incremento dos servizos e recursos de promoción da autonomía persoal; a creación, nas ofertas públicas de emprego para persoas con discapacidade intelectual, dunha cota específica de ‘discapacidade cognitiva’; ou a aprobación e entrada en vigor do regulamento de desenvolvemento da Lei de Accesibilidade de Galicia son outras das reivindicacións chave da entidade.