"As festas do Alivio son a oportunidade perfecta para gozar de Tomiño"

"Estas datas mesturan amizade, familia, reencontros, música, tradición… e supoñen o broche de ouro perfecto para a nosa programación de verán"

"Democratizar a cultura foi sempre un dos nosos obxectivos e conseguimos arraigalo nos máis pequenos do Concello. A valoración é moi positiva"

Sandra González, alcaldesa de Tomiño.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño. / Faro

Tomiño está en Festas! Dende o pasado luns 4 de setembro ata mañá, día 9, as rúas da localidade vístense de luz e cor para celebrar unha nova edición do Alivio cun programa cheo de cultura para todos os públicos. Unha cita á que tampouco faltará a alcaldesa Sandra González. Con ela falamos sobre "este broche de ouro perfecto" a un verán cheo de actividades.

Ganas de festa? Que supón o Alivio para a vila de Tomiño?

As festas do Alivio son sempre datas moi agardadas, que todas e todos esperamos con emoción. Supoñen o broche de ouro da nosa programación de verán e son a antesala do inicio de curso para a nosa cativada e mocidade. Con elas rematan os días de lecer e desconexión para dar de novo inicio á rutina e os proxectos pendentes. 

Ademais, son datas moi especiais porque mesturan amizade, familia, reencontros, música, tradición…en definitiva, os nosos días grandes. 

Que novidades trae a programación deste ano?

É unha programación dedicada a todas e todos os tomiñeses e tomiñesas pero en especial para os máis pequenos, que son os que viven con máis intensidade estes días previos ao inicio de curso escolar. Queremos que as nosas rúas se enchan dun ambiente festivo alegre e enérxico no que o acceso á cultura, á música e ao teatro este ao alcance de todas e todos. 

Estes son días moi especiais para toda a veciñanza xa que estas son festas que transcenden a todas e cada unha das parroquias do noso concello. Son días de convivencia e desfrute que fan de Tomiño un punto de encontro para residentes e visitantes, polo que, tras contar cun verán cheo de actividades e eventos, as Festas do Alivio son unha oportunidade perfecta para enriquecer aínda máis esta oferta.

Ademais, mañá tamén terá lugar un dos actos centrais das festas coa tradicional homenaxe durante o acto cívico, que este ano recoñecerá a achega do veciño Pepe Coruto á pesca tomiñesa. Un auténtico “sabio do Miño” (e da vida)?

En Tomiño temos a gran sorte de contar con veciñas e veciños que aportaron moito ao saber colectivo e que nos fixeron avanzar como pobo en moitas facetas da vida. Renderlle homenaxe a estas persoas anónimas é unha forma de devolverlle todo o que contribuíron ao concello ao longo da súa vida. 

Este ano o homenaxeado é José Álvarez Gayoso, máis coñecido como Pepe Coruto. Un veciño de Amorín con toda unha vida vencellada ao noso querido Río Miño. A el debemos a transformación da pesca do meixón, xa que observando o río mentres pescaba deuse conta de que a angula ía coa marea e polo medio do Miño e deseñou e construíu unha rede que permitía optimizar a súa pesca. Foi tamén o fundador e primeiro presidente da Asociación de Pescadores do Río Miño, de grande importancia para un sector con tanto peso no noso municipio naqueles anos e que chegou a ter ata 250 socios. 

Por que é tan importante este acto para a veciñanza e o Concello?

"En Tomiño temos a gran sorte de contar con veciñas e veciños que aportaron moito ao saber colectivo e que nos fixeron avanzar como pobo en moitas facetas da vida. Renderlle homenaxe é unha forma de devolverlle todo o que contribuíron ao concello"

Este xa é un acto consolidado no Concello polo especial do seu significado. Recoñecer a labor dalgún dos nosos veciños ou veciñas, e sobre todo, a achega que estes fixeron ao saber colectivo é algo importante e merecedor. 

Neste caso, o Miño forma parte da identidade de Tomiño. Son moitas as familias que creceron arraigadas a ribeira miñota e que atoparon nela un sustento económico e social. Render homenaxe a quen dende o anonimato foi capaz de construír en positivo paréceme importantísimo e é unha maneira de amosar o noso agradecemento como pobo a quen altruistamente aportou a súa sabedoría e bo facer. 

Comentabamolo antes: os nenos volven ser, sen dúbida algunha, outros dos grandes protagonistas das festas con circo, teatro e concertos durante toda a semana. Que primeiro balance fan da acollida por parte das familias da programación infantil?

A valoración é moi positiva, e os niveis de participación estano sendo aínda máis. O ambiente festivo destes días o protagonizan os máis pequenos, quen viven con ilusión estas últimas tardes do verán, cos súa especial enerxía. 

Democratizar a cultura foi sempre un dos nosos obxectivos bandeira, e conseguimos arraigar unha ampla e variada programación na que a música e o teatro achéganse de primeira man a toda a cativada do concello, sumándose cada ano con maior ilusión aos nosos espectáculos.  

Falando da cativada… Chega a volta ao cole, todo a punto nos centros educativos do Concello para recibir aos nenos, ás nenas e á mocidade tomiñesa?

Ademais do mantemento do que se encarga o Concello ao longo do curso, este verán acometéronse melloras de calado no CEP Pedro Caselles, con todo o seu pintado exterior por valor de 35.000€. O benestar dos nenos e nenas é a nosa prioridade

Estamos ultimando os detalles para que estea todo listo neste inicio de curso. Un verán máis o noso compromiso cos centros educativos foi claro xa que o benestar dos nenos e nenas e demais comunidade educativa para nós é unha prioridade. 

Ademais do mantemento do que se encarga o Concello ao longo do curso, este verán acometéronse melloras de calado no CEP Pedro Caselles, con todo o seu pintado exterior por valor de 35.000€.

Por outra banda, seguimos apostando pola mellora da nosa rede de Centros Rurais Agrupados, estamos convencidos de que esta é unha educación de enorme calidade que debemos seguir coidando. Neste sentido realizamos unha reforma integral na Unitaria de Carregal cun investimento de 15.000€ e acometemos melloras por valor de 21.000€ no conxunto dos centros de Taborda, Figueiró e Amorín. 

Trátase de que todos os nosos centros continúen experimentando unha progresiva modernización das súas instalacións co fin de conseguir unha maior comodidade de todo o alumnado.

Antes, as festas do Alivio porán o broche de ouro a un verán cheo de actividades culturais e de ocio, que tivo maior éxito entre a veciñanza?

Dende o Concello estamos moi contentos porque contamos cunha programación cultural ampla e variada que conseguiu facerse oco nas axendas da nosa veciñanza e visitantes. 

O ciclo de Música e Románico xa é un éxito que nos achega de primeira man o importante valor histórico e artístico do noso patrimonio, ademais de que nos permite gozar de artistas de gran nivel como o é o cuarteto Litore Quartet. Na mesma liña, as Rutas de Artes e Oficios xa están consolidadas despois de varias edicións nas que puidemos coñecer o talento local de primeira man e na que temos a oportunidade de descubrir parte da riqueza artística e cultural que nos rodea. 

A ampla oferta de campamentos, o cine na rúa, o son das prazas con diversas actuacións musicais tamén son algunhas das propostas que reciben unha acollida moi positiva. A nosa é unha programación pensada para todas as idades e intereses e que busca achegar un ocio de calidade e de balde a todas as persoas, feito do que estamos moi orgullosas. 

Que sorpresas nos agardan á volta? Parece que a vila terá a súa vangardista Biblioteca lista antes de que acabe o ano?

Iniciamos este novo curso coa continuación de proxectos moi ilusionantes para nós como a modificación do PXOM para desenvolver o Parque Agroindustrial Transfronteirizo; a recuperación da variante do Camiño da Nosa Señora do Norte; e a nosa biblioteca, o Espazo Isaura Gómez, un lugar que será un referente de uso sociocultural

Iniciamos este novo curso coa continuación de proxectos moi ilusionantes para nós e de gran importancia para o concello. Vimos de levar a pleno a aprobación inicial da modificación do PXOM para desenvolver o que será o Parque Agroindustrial Transfronteirizo, un proxecto clave para impulsar un maior crecemento socioeconómico no noso Concello e ao que lle dedicaremos boa parte dos nosos esforzos vindeiros. 

Outro dos nosos proxectos bandeira será a recuperación da variante do Camiño da Nosa Señora do Norte. A finais deste mes presentaremos o libro coa investigación que se fixo sobre a mesma da man de Antonio Soliño. Este é un proxecto que non só pon en valor o patrimonio histórico e cultural de Tomiño, senón que será tamén polo tractor de turistas e peregrinos e peregrinas.

E efectivamente, non podemos esquecernos da nosa biblioteca, o Espazo Isaura Gómez, un lugar que será un referente de uso sociocultural, de vangarda e tamén de compromiso co medio ambiente, sendo un edificio pioneiro en Galicia por ser dos primeiros coa clasificación Passive House, é dicir, de consumo enerxético case cero. Agardamos que estea aberta á veciñanza a finais de ano.

Máis alá das grandes obras en Tomiño queremos seguir colocando as persoas no centro da política local, continuar garantindo uns servizos sociais de calidade: servizo de axuda no fogar, axuda aos menores que o precisan, a mulleres en situación de vulnerabilidade, seguir ofertando actividades extraescolares gratuítas en todos os coles, son accións que tamén continuarán sendo prioritarias.

Non podemos despedirnos sen preguntar pola decidida aposta de Tomiño polo coidado do medio ambiente e a potenciación dos espazos verdes, cales son os próximos pasos de “Tomiño Verde”?

Dende o Concello unímonos no ano 2019 ao Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, elaborando un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), e materializándose deste xeito o noso compromiso para facer fronte ao cambio climático. A inicios deste ano fixemos o seguimento correspondente e estamos moi contentos polos resultados obtidos ata o momento, os cales nos indican que cada día somos un municipio máis verde e sostible.

Para continuar este camiño, vimos de conseguir a través de fondos Next Generation unha partida de case un millón de euros para a renovación do alumeado público, que nos permitirá seguir mellorando na eficiencia e aforro enerxético coa transformación case total da nosa rede de alumeado. 

E, por outra banda, como os veciños xa saben, queremos ser o Tomiño das 10.000 árbores. Non só plantando nos espazos públicos, se non, respectando e facendo un bo mantemento dos que xa están, e facendo campañas de sensibilización, como a de "enche o teu monte de vida autóctona" na que, en espazos próximos ós núcleos urbanos, se promociona a plantación de diferentes especies. Deste xeito, non só incrementamos o número de árbores, se non a biodiversidade.

Outro eixo fundamental neste ámbito, será a xestión dos residuos. Estamos en pleno estudo previo a unha nova licitación do servizo, que afrontará o reto de acadar os obxectivos da nova normativa baseada nunha economía circular. Nisto levamos anos traballando, apostando pola autocompostaxe, é dicir separar en orixe os biorresiduos (que son o 50% da bolsa tipo) e utilizalos como un recurso.

Para rematar: unha mensaxe para a veciñanza con motivo da fin de semana grande das festas?

Quixera que as miñas últimas palabras foran de agradecemento para a comisión de Festas que todo o ano traballa para que nos poidamos desfrutalas, para elas e eles mil grazas por ese traballo altruísta e desinteresado

undefined

Creo que para os veciños e veciñas de Tomiño o Alivio supón a volta do curso escolar, o fin das vacacións e a volta da normalidade do outono. Agardo que todos e todas poidamos desfrutalo con esa tranquilidade e sosego que precisamos para valorar o día a día, as moitas pequenas cousas positivas que nos fan sumar na conta diaria da felicidade. Este é o meu desexo para todos e todas. Para rematar quixera que as miñas últimas palabras foran de agradecemento para a comisión de Festas que todo o ano traballa para que nos poidamos desfrutalas, para elas e eles mil grazas por ese traballo altruísta e desinteresado.