“O oficio engancha e a pedra non minte: cando a dominas, é irreversible”

Neto de arxinas forcaricenses, César Dapena Pichel deixou o despacho pola cantería

César Dapena Pichel obtivo o primeiro premio no Certame de Cantería Ignacio Cerviño Quinteiro.

César Dapena Pichel obtivo o primeiro premio no Certame de Cantería Ignacio Cerviño Quinteiro. / Cedida

Ana Cela

Ana Cela

César leva a pedra no seu ADN, como tantos outros que antes que el naceron nas Terras de Montes. O seu camiño tiña unha traza distinta. Porén, o que se leva no sangue remata por impoñerse. Neto de canteiros, o oficio chamou por el ata que colleu pulos para responderlle. Con 29 anos abandonou a súa profesión nunha oficina técnica de Endesa para incorporarse á Escola de Canteiros de Poio e converterse no que sempre foi: un arxina. César Dapena Pichel vén de proclamarse vencedor no Certame de Cantería Ignacio Cerviño Quinteiro, celebrado no Igrexario do Hío, en Cangas.

A cruz coa que gañou o premio e outras obras da autoría deste canteiro da Terra de Montes.

A cruz coa que gañou o premio. / Cedida

“Non ía con ningunha intención. Eu fun o primeiro sorprendido”, explica César, natural da parroquia de Ventoxo e afincando dende hai anos nas Pontes. “Non o esperaba; non ía a competir, por así dicilo. Foi a pedra a que me foi levando”, narra. A súa obra era completamente diferente ás demais. El apostou por unha “cruz desestruturada”, obra conceptual, fronte ás figurativas que, en liñas xerais, presentaron os demais participantes no concurso.

“O oficio engancha e a pedra non minte: cando a dominas, é irreversible”

Unha das pezas este canteiro. / Cedida

César nunca viu aos seus avós traballar como canteiros, pero sabía que o foron dende ben novos. O avó materno, Manuel Pichel, era veciño de Cachafeiro e dende neno traballou a pedra. O paterno, Manuel Dapena Bértolo (de Ventoxo), emigrou a Estados Unidos, onde traballou como canteiro durante anos. Non foi que eles lle inculcaran a paixón pola cantería; el xa a levaba dentro, aínda que tardara en descubrilo. “Foi unha decisión que sempre me rondou”, sinala. Dende hai máis de 30 anos ten o seu propio taller nas Pontes, é membro da Rede Española de Mestres Canteiros e traballou durante tres anos en obras tan emblemáticas como a das torres da catedral de Santiago, noutrora toda unha “oficina” para os arxinas da Terra de Montes.

“O oficio engancha e a pedra non minte: cando a dominas, é irreversible”

Outra das súas pezas. / Cedida

“O oficio está claro que te engancha. A pedra non minte. Se realmente non te engancha, a pedra é dura e custa moito; pero, unha vez que sentes, que a dominas, iso xa é irreversible”, confesa. “É unha sensación, polo menos pola miña experiencia, de que empezas con moita dureza, facendo sangue, e chega un momento que é como se arrancaras; dominas a ferramenta e xa non lle tes medo a nada. Que me boten o que sexa”, comparte.

César non ve dureza en traballar algo tan duro como a pedra, por paradoxal que se antolle. Ten claro que o problema está no polvo que se xera e, en consecuencia, no risco latente da silicose. “Pero ti, cando dominas o oficio, tes unha relación coa pedra moi amable. Non tes que enfrontarte a ela, tes que saber levala, utilizar a ferramenta que hai para movela e non é unha cuestión nin de forza, é máis de maña. Podes estar oito horas picando enriba da pedra e non te cansas. A ferramenta é a que traballa e ti a que a vas levando”, explica.

Este mestre canteiro asume que nada ten que ver o oficio hoxe co que tiveron aqueles que levaron o nome e a sona dos canteiros da Terra de Montes polo mundo e por moitas grandes obras. “Cando ves todas as obras que fixeron e pensas que o fixeron todo a man...é increíble”, di. Recoñece que as cousas máis artesanais prefire facelas aínda ao xeito tradicional, pero tamén entende o moito que avanzou o oficio grazas á maquinaria que hoxe existe. En todo caso, é a pedra a fala e o canteiro quen a escoita.

Suscríbete para seguir leyendo