O programa +COOP pecha en Silleda logo de crear doce cooperativas en toda Galicia

Atendeu a 134 persoas, das que o 62% eran mulleres, interesadas en poñer en marcha 18 entidades | As empresas constituidas levan asociados 26 novos postos de traballo

La Moda Rural Lab acolleu onte a xornada de presentación de resultados do programa. |   // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

La Moda Rural Lab acolleu onte a xornada de presentación de resultados do programa. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Silleda acolleu onte a presentación de resultados do programa +COOP de EspazoCoop, un proxecto que ten o obxectivo principal de prestar servizos de apoio á cidadanía para crear empresas de economía social e acceder con elo ao emprego, mediante a fórmula do autoemprego colectivo. A Unión de Cooperativas EspazoCoop vén desenvolvendo este programa no período 2023-2024, en colaboración coa Xunta de Galicia, Cepes e o Fondo Social Europeo Plus. O seu balance foi de doce cooperativas constituidas, cunha creación asociada de 26 postos de traballo.

En total, atendéronse a 134 persoas interesadas en crear unha cooperativa, das cales o 62% foron mulleres. Dos 18 grupos promotores atendidos, creáronse doce cooperativas de actividades múltiples pero, fundamentalmente, servizos en xeral, variados e coidados. Por provincias, once destes grupos foron de Pontevedra, catro de Ourense, dous da Coruña e un de Lugo.

Lucía Mendoza, directora xerente, salientou a personalización do programa en función das necesidades das cooperativas, “os servizos e os procesos de atención a usuarias realizados desde a Unión de Cooperativas, son reflexivos e participados, e pasan por distintas etapas antes da constitución da cooperativa, dependendo do grao de maduración do grupo emprendedor e do proxecto, polo que se deseña un itinerario personalizado, a medida das necesidades, podendo prestarse o servizo mediante sesións telemáticas e presenciais”.

O Programa +COOP, realizado dentro da programación 2023-2024 da Rede Eusumo, ten por finalidade asesorar e acompañar a grupos de persoas que promoven empresas cooperativas, de xeito gratuíto en todo o ámbito de Galicia. Desde outubro de 2023 véñense beneficiando distintas persoas e colectivos usuarios desta iniciativa, que dá apoio á cidadanía para acceder ao emprego mediante a organización de proxectos laborais cun modelo cooperativo, ofrece soporte para organizar a súa actividade laboral con este tipo de empresas de autoemprego colectivo.

+COOP facilita orientación, información, asesoramento, e acompañamento especializado para facer dunha idea de negocio e das actividades profesionais, proxectos cooperativos viables, económica e societariamente. En concreto, presta orientación para coñecer o modelo cooperativo; análise da idea inicial de actividade laboral; apoio na elaboración do plan de empresa; elaboración de estatutos sociais; asesoramento no financiamento; apoio na tramitación das axudas; e constitución formal da cooperativa.

Case 3.000 millóns de euros anuais de facturación no sector

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, que interveu na clausura da xornada, subliñou os apoios e liñas de actuación da Xunta orientadas a impulsar o cooperativismo e a economía social, co obxectivo de que sigan sendo modelos de éxito de emprendemento en Galicia, un sector que o ano pasado facturou case 3.000 millóns de euros e que representa un 4,5% do PIB galego. Mencionou os programas de apoio económico, de asesoramento e acompañamento, de formación e a realización de actividades divulgativas que desenvolve a Xunta a través da Rede Eusumo, que presta apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social asesorando a persoas e entidades interesadas en emprender neste ámbito.