Unha espetada e un bingo musicais animarán a tardiña do sábado das festas de Silleda

Será unha ‘merencea’ á que hai acudir con sombreiros estrafalarios | Soarán 90 cancións populares, con premios para os que as adiviñen

Membros da organización mostran os carteis no lugar da celebración, a Praza do Siñor Afranio.

Membros da organización mostran os carteis no lugar da celebración, a Praza do Siñor Afranio. / Bernabé/Javier Lalín

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Unha espetada e un bingo musicais animarán a tarde do sábado das festas de verán de Silleda. SIC Iniciativas Culturais quixo aportar o seu “pequeno grao de area” aos festexos que comezan mañá na capital trasdezá. Coa colaboración e apoio do Concello de Silleda, os veciños do Barrio das Baratas e a comisión de festas, pon en marcha o que deu en chamar a súa primeira Espetada Musical, “unha proposta de actividade un tanto inusual por estas terras, feita pola veciñanza e para a veciñanza, coa que esperamos darlle un ambiente festivo e bailongo ao serán do sábado 6 de xullo”, explica Xosé Filloy González, presidente de SIC.

A Espetada Musical comezará ás 20 horas na conxunción da praza do Siñor Afranio e a rúa Cartaxena, a carón dos xardíns en fronte ao consistorio. Os asistentes poderán compartir unha merencea –ou drunch, concepto en inglés que combina as verbas dinner (cea) e lunch (comida)–, composta de espetos variados e que servirán acompañados de cócteles estivais, tanto para adultos coma para crianzas, con e sen alcol. Non será necesario facer reserva, pois os tíckets para os espetos e as bebidas poderanse adquirir no propio lugar da festa.

“E despois de enchermos o bandullo e compartirmos os cócteles de verán ao ritmo da música na praza, chegará o prato forte da Espetada: o Bingo Musical”, contan desde SIC. A diferenza dun bingo convencional, neste caso non se sacarán as 90 bolas de rigor, senón que irán soando na praza de xeito aleatorio 90 cancións “populares e festeiras, temas que todas e todos coñecemos e que os asistentes terán que ir adiviñando e marcando nos seus cartóns”. “Loxicamente –subliñan–, e aquí si que seremos convencionais, haberá premios para os que canten liña e bingo”.

Desde SIC convidan a toda a veciñanza a que vista os seus sombreiros máis estrafalarios –é “obrigatorio” levar esta prenda– para compartir “cousas ricas e bailes pegadizos na tardiña do sábado das festas e prepararnos xuntos para a festaza que nos espera pola noite”. “Está máis que garantido que vamos a pasárnoslo bien, toda a nochentera e que puede ser nuestra gran noche”, remachan desde a organización do evento.

Pintor Colmeiro, pechada ao tráfico desde hoxe, e outras sete rúas máis con cortes puntuais

Con motivo das Festas de Verán de Silleda, que se celebrarán durante a fin de semana, procederase ao corte de diferentes rúas. Así, xa desde hoxe, xoves, a partir das tres da tarde e ata a madrugada do luns, quedará pechada ao tráfico a rúa Pintor Colmeiro, onde xa están instalados os postos e atraccións e onde terán lugar as verbenas. Para garantir a seguridade nesta zona, tamén se pecharán á circulación rodada as rúas Venezuela e Emilio Alonso Paz durante toda a fin de semana, a partir das 22:00 horas. Por outra banda, as rúas Antón Alonso Ríos, Cartaxena e Castrelo tamén se pecharán dende a tarde de mañá, venres, por mor da celebración da Festa do Lacón; o sábado dende as 11:00 horas, con motivo da exposición de tractores do Museo do Campo; e o domingo pola tarde para dar cabida ao concerto das bandas. A Rúa do Progreso verase tamén afectada, co peche ao tráfico polas tardes para o desenvolvemento de distintas actividades. Por último, a Avenida do Parque estará cortada o domingo para o concerto despois das bandas e, pola tarde, para a actuación de Pakolas na Praza da Igrexa.