Silleda lanza o Consello da Muller

A alcaldesa preside o encontro que define as bases para formar este órgano de carácter consultivo | Promover a igualdade e participación social das mulleres son os obxectivos

Participantes na reunión celebrada nas dependencias consistoriais de Silleda.

Participantes na reunión celebrada nas dependencias consistoriais de Silleda.

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

O Concello de Silleda vén de dar un paso clave cara a creación do futuro Consello da Muller. Foi nunha reunión celebrada onte á mañá para definir as bases para a formación deste órgano de carácter consultivo. Estivo presidida pola alcaldesa, Paula Fernández Pena, e contou coa asistencia das concelleiras Ángela Troitiño (Igualdade), Mónica González Conde (Participación Cidadá), María Jesús Rodríguez Lastres (Partido Popular) e Erea Rey Presas (BNG); xunto ás presidentas das asociacións de mulleres rurais de Escuadro e Arumus de Siador e o colectivo de comerciantes ECOS.

Neste primeiro encontro definiuse como finalidade última do consello velar polas condicións que posibiliten a igualdade efectiva entre mulleres e homes, así como a plena participación delas na vida cidadá, política, económica, social e cultural de Silleda. Ademais, creouse un grupo de traballo encargado da redacción do regulamento interno que deberá recoller, como mínimo, os fins e os obxectivos finais polos que se constitúe este consello, xunto as funcións a desenvolver, a composición do mesmo e a definición das comisións de traballo.

Unha vez redactado e validado este regulamento por todas as asociacións participantes, elevarase ao pleno municipal, momento en que comezará o seu traballo efectivo. “É a gran oportunidade de poder contar en Silleda cun órgano consultivo no que as mulleres sexan axentes activos, o que vai resultar moi produtivo”, afirma a alcaldesa.

Actividades

Para dinamizar o Consello da Muller e incentivar a participación das asociacións, valoráronse xa diferentes actividades que poderían desenvolverse a través deste órgano, como a realización de estudos e informes sobre a situación das mulleres, campañas de sensibilización, a participación activa nos actos institucionais do 8 de marzo e do 25 de novembro, o seguimento do V Plan de Igualdade e a redacción do seguinte plan. Tamén se considerou a organización de mesas redondas, charlas con expertos en igualdade, obradoiros de formación e habilidades sociais, así como a participación en foros nacionais e internacionais, tanto de xeito presencial como en apoio a campañas e redes.

Amais, o consello promoverá a constitución de novas asociacións de mulleres e a participación de líderes, tanto femininos como masculinos, así como de axentes locais con formación en xénero. “Queremos potenciar a participación das mulleres a través de todos os medios ao noso alcance, pero tendo en conta que deben ser en todo momento participes do deseño e da posta en marcha das accións”, insiste Pena.