O rock familiar de Pakolas recala en Silleda o domingo coa historia de ‘Ramona Órbita’

A actuación terá lugar ás 18 horas na Praza a Igrexa dentro das festas

REDACCIÓN

Silleda acollerá o vindeiro domingo, 7 de xullo, a actuación de Pakolas, co espectáculo musical infantil e familiar que leva por título Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo. A cita será na praza da Igrexa ás 18:00 horas, no marco das Festas de Verán, e a través do programa autonómico Cultura no Camiño.

Pakolas, rockeiro e guitarreiro, é o nome co que Paco Cerdeira se presenta ante o público infantil, eido no que o músico conta cunha longa traxectoria. Guiará á concurrencia coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e a guitarra, nun espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción e participación coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público.

En Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo, preséntará o seu último librodisco, editado en Sonárbore, na Editorial Galaxia (agosto de 2020). Conta e canta a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas e unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas. A través das cancións e a narración, vai saltando a diferentes épocas. Ramona viaxa á prehistoria a comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario, que acaba de descubrir o lume; visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento; acode ao Antigo Exipto cun tal Ramsés, que lle cheiran os pés; ou conversa cun robot que ten unha Roda Rota que se fai chamar Time... Ata chegar a Benvidas ao Futuro, na que canta por unha sociedade máis ecolóxica e concienciada co respecto e coidado á natura.

Comisión de festas

Noutra orde de cousas, a comisión de festas de Silleda agradece a veciños, comercios, empresas e bares que colaboraron para poder pechar o cartel dos tres días de festexos. Todas aquelas persoas ou entidades que queiran facer as súas aportacións teñen á súa disposición o seguinte número de conta: ES69 2080 5443 3430 4013 5402.