A terra serache leve

Capitán Gosende despide a Aurelio Ramos, Mestre da Memoria 2021

O finado, Aurelio Ramos. //Cedida

O finado, Aurelio Ramos. //Cedida

A perda dunha persoa é sempre un momento difícil de xestionar. Porén, o loito ten innumerables formas de materializarse e cada quen lévao como o sinte. Capitán Gosende está de loito estes días, e estarao sempre un chisco, despois de despedir o pasado sábado a un dos seus informantes máis valiosos: Aurelio Ramos Ogando. Este veciño de Correa, no concello de Beariz, axudou a esta asociación durante anos a dar con auténticos tesouros do patrimonio de Terra de Montes. Dende gravados rupestres a lendas e contos, pasado pola Pedra de San Xil. As aportacións de Ramos Ogando foron dun valor incalculable, ata o punto de que para este colectivo e o seu fundador, Calros Solla, o verdadeiro tesouro era el.

Despois de 96 anos, o bearicense deixou este mundo cun último pensamento roldándolle a cabeza. A súa idea era volver chamar aos membros de Capitán Gosende para acompañalos nunha última excursión ao monte, onde lembrar había algo que lles quería amosar. Así de grande era o seu amor e interese pola historia da terra que viu nacer e soltar o último alento.

Foi a filla do finado que lle achegou esta historia a Calros Solla durante o funeral, espertando nel unha forte emoción de agarimo e tristura, combinación que sempre estará presente na súa memoria cando pense no home que lle abriu as portas da súa casa e do seu coñecemento sen receo. “Cando bates na porta da xente, hai quen sabe as cousas e non as quere contar, e quen as quere contar pero non sabe facelo, logo están os que son como Aurelio, que quería e sabía narrar todo ese coñecemento que foi el mesmo se preocupou de recoller, interesándose ao igual que nós polo mantemento da historia e o saber popular, así como pola súa transmisión”, di o historiador e escritor cerdedense. Solla aínda lembra o día no que coñeceu ao bearicense: “Os veciños xa nos dicían que tiñamos que falar con el, que el sabía moito, pero cando o coñecín conectei con el ao instante e sentinme profundamente identificado malia a diferenza de idade”.

Foi esta conexión a que fixo que Aurelio Ramos Ogando ocupase e ocupe para sempre un lugar especial non só no corazón do historiador, senón tamén do colectivo Gosende, que en 2021 o postulou ao premio de Mestre da Memoria, que finalmente lle foi outorgado. “El era un informante exemplar, acompañounos e guiounos de xeito moi certeiro a unha morea de petróglifos, e en cada excursión regalábanos contos o lendas da zona, que interpretaba co seu perfecto estilo narrativo e que nos permitía facer un retrato mítico da súa aldea” relata Solla, que engade: “Mesmo no acto da entrega do premio, participou activamente contando aos presentes esas historias que compartira con nós nas nosas viaxes ao monte, el estaba comprometido coa transmisión e a preservación de todo ese coñecemento”.

Porén, Solla sostén que o que fixo a Aurelio Ramos Ogando alguén imborrable da súa memoria non foi só a súa calidade como informante, nin moito menos. Foi a súa bondade, a súa proximidade e xenerosidade, e o seu talante sociable e amable, que o convertía nalgo que parece sinxelo, mais non é tanto: unha boa persoa.