O San Xoán no Sisto

A súa notable igrexa románica garda fermosas pinturas e antigos retablos e imaxes

Procesión
 logo da 
misa.   | // D.G.A.

Procesión logo da misa. | // D.G.A.

daniel gonzález alén

A pasada fin de semana, media ducia de parroquias da bisbarra de Deza celebraron as súas festas patronais honrando a San Xoán Bautista, con actos relixiosos e profanos. Dalgunhas delas, xa temos publicado reportaxes noutros anos e desta traemos aquí o celebrado na parroquia de San Xoán do Sisto en terras de Dozón

Misa na igrexa.   | // D.G.A.

Misa na igrexa. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

A do San Xoán, non é a principal festa que celebran os veciños do Sisto, senón a da Virxe do Rosario no mes de outubro. Naquela teñen tres días de festa e polo patrón conforman con un, este ano o día 23, aproveitando que foi domingo. Na parte profana houbo sesión vermú que amenizou Pachi Show e verbena coa orquestra Gran Parada e charanga Ardores, e non faltaron os xantares coa familia e os amigos nin os foguetes que estouparon ao longo de toda a xornada festiva.

Copón do Sisto (S. XVI),  que  se garda no Museo de Lugo. |   // D.G.A.

Copón do Sisto (S. XVI), que se garda no Museo de Lugo. | // D.G.A. / daniel gonzález alén

Na celebración relixiosa houbo misa cantada e a continuación saíu a procesión ata o cruceiro, portando as mulleres a imaxes da Virxe do Rosario e os homes a do patrón San Xoán, precedidas pola cruz procesional e os estandartes da parroquia. A liturxia estivo a cargo do párroco Xosé Vázquez Diéguez, sacerdote moi estimado polos seus fregueses por ter promovido varias obras nesta igrexa e no seu entorno ao igual ca noutras parroquias nas que exerce o seu destacado labor pastoral. Por estas razóns ao remate dos actos relixiosos , na propia igrexa parroquial unha súa sobriña tomou a palabra en nome dos fregueses, para eloxiar o seu labor a prol da parroquia, sendo moi aplaudida a intervención polos presentes, aos que logo se dirixiu o prezado sacerdote para agradecerlles a espontánea e sentida homenaxe da que era obxecto.

Detalle das pinturas murais  da igrexa.

Detalle das pinturas murais da igrexa. / daniel gonzález alén

Moito se ten publicado da igrexa parroquial do Sisto escenario desta celebración, que ampliada e reformada no barroco, conserva numerosos elementos da primitiva románica do século XIII e garda no seu interior un espléndido conxunto de pinturas murais de principios do século XVI, con escenas da Paixón e Resurrección de Cristo, mesturadas cos retratos de Carlos V e outras escenas bíblicas e ata estampas campesiñas. Moito menos se ten tratado dos interesantes retablos e das vellas imaxes que neles se veneran. No retablo principal, barroco do século XVIII, destacan o relevos de San Xoán Bautista e Degolado e noutro lateral, do mesmo estilo e época, venéranse vellas imaxes da Virxe do Carme, San Roque,San Ramón, Santo Antonio e outros, en tanto o outro retablo lateral, neoclásico, está dedicado a Virxe do Rosario.

O San Xoán no Sisto

O San Xoán no Sisto / daniel gonzález alén

Templarios

No Museo Diocesano de Lugo, móstranse valiosos obxectos de culto en ouro e prata, entre eles un copón do século XVI, procedentes desta igrexa que pertenceu a Orde dos Cabaleiros Templarios, que aqui tiveron o seu mosteiro do que dá fe a súa cruz gravada no tímpano da fachada sur.

Dun ben labrado baldaquino desta igrexa saíron varias imaxes pétreas que agora están sobre o arco triunfal e tres columnas historiadas, reaproveitadas nun cruceiro próximo, noutro en Asperelo de Rodeiro e no soportal da capela do San Roque de Puxallos en Lalín. No mesmo lugar da Igrexa, hai outro antigo cruceiro barroco con imaxes e un de nova feitura e grandes dimensións do escultor dezao Arias, que agora fai de procesional.

Moito mais se podería poñer aqui desta parroquia, antigamente dedicada a San Vicenzo, topónimo que aínda figura nos vellos mapas e na tradición oral, a máis importante en habitantes e tamén en cabana gandeira, do municipio de Dozón.