LAURA LÓPEZ PEÑA nnficha persoal | Nova directora do Instituto Pintor Colmeiro

“Asumo este reto non con medo, senón con respecto e moita ilusión”

“O principal proxecto é poder seguir ofrecendo un ciclo medio de Guía no Medio Natural de calidade, pero están aparecendo problemas”

Laura López onte, no exterior do instituto.

Laura López onte, no exterior do instituto. / Bernabé/Lucía Abeledo

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

No vindeiro curso Laura López Peña exercerá como directora do instituto Pintor Colmeiro, de Silleda. Substitúe no cargo a Xesús Fernández Sulleiro, que continuará coa súa carreira docente en Santiago despois de 23 anos exercendo neste centro educativo de Trasdeza. No novo equipo directivo López Peña integra a dúas persoas que xa traballaron nestes últimos anos con Sulleiro. É, ademais, a terceira muller na historia do centro, nos seus 25 anos de vida, que asume a súa dirección.

– É a primeira vez que vai exercer de directora dun centro educativo? Cómo asume o reto: con medo, con ganas…?

–Formo parte deste equipo directivo que agora remata mandato desde o ano 2020, a miña función foi de xefa de estudos de adultos. Con este equipo traballei moi a gusto e aprendín moitísimo, tiñamos as nosas funcións pero entre todos faciamos todo. Asumo este reto non con medo, senón con respecto e con moita ilusión.

–Qué outros membros van formar parte deste novo equipo directivo?

–Ter un equipo co que poidas dialogar e en quen poidas confiar é moi importante, polo que hai dous piares esenciais que continúan; Xosé Fuentes Rodríguez, secretario e Susana Calvo Peña, xefa de estudos. Os novos integrantes son Xoan Carlos García Porral, que será o vicedirector, e Pablo Eiras Vázquez, que exercerá como xefe de estudos de adultos.

Laura López, xunto a membros do antigo e do novo equipo directivo.

Laura López, xunto a membros do antigo e do novo equipo directivo. / Bernabé/Lucía Abeledo

–Qué vantaxes ten impartir docencia nun centro educativo ubicado nun entorno rural? Pregúntollo porque permite, por exemplo, facer saidas ao entorno natural inmediato e coñecer o patrimonio ambiental e arqueolóxico, por citar algúns exemplos.

–Hai moitas vantaxes en impartir docencia nun entorno rural, primeiramente o lugar en si, somos uns privilexiados tendo o centro onde o temos, rodeados de natureza. Por outra banda, un centro nun entorno rural favorece a proximidade coas familias e a posibilidade de coñecer a todo o alumnado.

–Quedou xa “aparcado” o tópico de que as mulleres non servimos para ocupar postos como directora dun centro, alcaldesa ou xefa dunha empresa? Ou ainda queda por aí algún comentario fóra de lugar?

–Neste centro xa houbo dúas directoras en anos anteriores polo que unha directora non é unha novidade, ademais estamos nun concello gobernado por unha muller e no que hai tamén empresas lideradas por mulleres. Evidentemente aínda queda moito por facer para chegar a igualdade pero seguiremos traballando para elo.

–Cánto tempo leva impartindo clase? ¿Foi cambiando a forma de impartila, e a relación cos alumnos?

–Levo dando clase desde que acabei a carreira alá polo 1997. Impartín clases particulares e cursos de formación. A metodoloxía cambia segundo as necesidades do alumnado e a sociedade. As novas tecnoloxías son parte do proceso da ensinanza e da aprendizaxe sempre que as usemos correcta e moderadamente.

"Un centro nun entorno rural favorece a proximidade coas familias e a posibilidade de coñecer a todo o alumnado"

–Cambiaron neste tempo os plans de futuro do alumnado, debido á influencia das redes sociais? Pode ser que moitos agora queiran adicarse a crear contido en internet e ser influencers, por exemplo?

–Vemos unha clara evolución desde que chega o alumnado en 1º de ESO hasta que se vai. Nos cursos baixos hai unha tendencia a querer ser “celebrities” e “influencers” no futuro, pero unha vez pasado 3º de ESO xa ven o mundo doutra maneira e interésanse tanto por ciclos como por Bacharelato.

–Qué proxectos quere desenvolver no IES Pintor Colmeiro: contar con novos ciclos formativos na súa oferta educativa, ampliar as instalacións, facer quizais máis actividades portas afóra, coa veciñanza de Silleda?

–O primeiro e principal proxecto é poder seguir ofrecendo un ciclo medio de Guía no Medio Natural de calidade, pero están aparecendo problemas. O mesmo que lle pasa a outros tres centros de Galicia, non contamos coa financiación necesaria para afrontar o pago de recursos externos como piscina, picadeiro de cabalos ou saídas ao medio natural, xa que o curriculum non permite formar bos guías sentados na aula. Estes gastos non son asumibles co orzamento anual para o centro que xa ten os seus gastos. A outra idea é seguir cos programas cos que levamos traballando xa varios cursos: programas de excelencia, innovación, plurilingüismo, entre outros.

"Nos cursos baixos hai unha tendencia a querer ser “celebrities” e “influencers” no futuro, pero unha vez pasado 3º de ESO xa ven o mundo doutra maneira e interésanse tanto por ciclos como por Bacharelato"

–Ten problemas de descenso de matrícula o centro? ¿Axuda a paliala a matrícula de nenos e mozos de familias estranxeiras?.

–A matrícula segue a mesma liña estes últimos anos, non hai descenso de número de alumnado pero si cambia algo o perfil. Por suposto, hai un descenso de alumnado do entorno máis rural debido ao descenso demográfico, a maioría dos nosos estudantes veñen de Silleda e Bandeira. Por outra banda, si que hai un aumento de alumnado estranxeiro pola chegada de novos habitantes á nosa zona.

–Contan con algún plan de integración para estas familias como por exemplo clases de reforzo de castelán e/ou galego?

–Levamos varios cursos traballando co alumnado estranxeiro a través do noso grupo de adquisición de linguas, no que profesorado voluntario axuda coa aprendizaxe do español e do galego ao alumnado que chega de fóra.

Suscríbete para seguir leyendo