Entrevista | José González Baamonde Mestre do CPR María Inmaculada de Silleda

“O de ‘don’ nunca me gustou; sempre lles pedín a alumnos, pais e nais ser Pepe, sen máis”

“Lembro con especial agarimo a miña primeira promoción de 1980. Era un pipiolo de 21 anos, había alumnos de BUP e COU case da miña idade”

Pepe posa para FARO nun patio escolar que, confesa, “é a miña vida”.

Pepe posa para FARO nun patio escolar que, confesa, “é a miña vida”. / Bernabé/Javier Lalín

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

“Pepe, onde prefires a foto: aquí no patio, na aula...?”, pregunta Javier Lalín. A resposta fala por sí soa: “Como queiras ti, pero este patio é a miña vida”. José González Baamonde xubílase como mestre do CPR Plurilingüe María Inmaculada logo de 44 años de profesión. Mañá, venres, será o seu último día, logo de xornadas de avaliacións, burocracia e, sobre todo, máis despedidas, logo da que xa lle brindaron o 21 de xuño.

“Ao colexio aporteille todo o que tiña. Digamos que fomos, somos, un matrimonio ben avido”

O mestre recibe un aplauso do alumnado no acto de graduación do pasado venres. / Bernabé

-Recuperado das emocións do último día de curso?

-O último día de curso levareino na memoria para sempre. Foi... máxico, espectacular, cheo de emocións encontradas. Sentinme recoñecido por compañeiros e alumnado. Moi emocionado.

-A comunidade educativa ao completo volcouse con vostede. Cómo viviu esa xornada?

-Como xa dixen, moi emocionado, moitos recordos acudiron á miña memoria, mesmo algúns compañeiros e amigos que xa non están... situacións comprometidas, outras alegres..., unha mestura de sensacións difíciles de narrar.

-Cómo foi, ou como está a ser, a despedida dun centro no que pasou 44 anos, creo que toda a súa vida profesional? Qué lle di a xente pola rúa?

-Os pais/nais e a xente en xeral pola rúa non deixan de felicitarme, darme os parabéns, preguntar, unha loucura... Pero é agradable que se interesen así e lles importes algo.

-Qué plans ten para o futuro?

-A verdade non teño moitos plans definidos. Primeiro descansar, desconectar. Despois farei unha viaxe coa miña muller; e a partires do vindeiro ano teño en mente algún voluntariado coa Cruz Vermella, xa se verá.

-Lembra o seu primeiro día como mestre do María Inmaculada? Por certo, tiña que ser vostede moi xoven...

-Lembro perfectamente o meu primeiro día e a miña primeira clase con 3º da antiga EXB. Tamén as clases de Educación física (Ximnasia daquela) con 3º de BUP e COU. Algúns dos alumnos eran case da miña idade. Eu era un “pipiolo” de 21 anos, apiques de cumprir 22.

-Qué cambiou daquel Pepe ao Pepe de hoxe? Porque, a todo isto, vostede sempre foi “Pepe”, xa nos tempos en que os mestres tiñan tratamento de ‘don’.

-En liñas xerais, sigo sendo o mesmo Pepe, pero obviamente fun evolucionando e ,si, madurando. O de ‘don’ nunca me gustou; por iso, sempre lles pedín os alumnos e pais e nais ser Pepe, sen máis. O Pepe de hoxe é moito máis reflexivo, comprometido, implicado... Pero supoño que é consecuencia lóxica da evolución , a experiencia...

José González Baamonde, onte, no María Inmaculada.

José González Baamonde, onte, no María Inmaculada. / Bernabé/Javier Lalín

-Cando vostede comezou había un respecto casi reverencial polos mestres. Hoxendía existe a percepción case contraria, quizais pola sobreprotección que as familias dan ás crianzas... Cal é a súa opinión?

-A miña percepción ao respecto é que as crianzas están sobreprotexidas, e iso reflíctese despois no colexio. Con todo, xeneralizar non é bo, pois hai de todo. Pasamos dun extremo ao outro sen termo medio.Parece que a palabra respecto ten connotacións negativas non só en educación, senón na sociedade actual. Estase perdendo o respecto polos maiores, o medio, ás diferenzas... Ás veces pregúntome se será que eu quedei anclado e non evolucionei o suficiente.

“Estase perdendo o respecto polos maiores, o medio, ás diferenzas. Parece que a palabra ten connotacións negativas, non só en educación, senón na sociedade actual”

-Ao longo de tantos anos, supoño que daría todo tipo de materias. Cales son as máis difíciles de impartir e cales as máis duras de asimilar?

-Para todo hai gustos e puntos de vista, a min gústanme moito as matemáticas e resúltame doado explicalas. Non considero ningunha materia difícil de impartir, pero as ciencias sociais son as máis complexas porque á maioría do alumnado non lle gustan. Concretamente a parte de historia a min resúltame máis complicada porque facela amena para estas idades non é doado. A miña experiencia coa xeografía e a historia como alumno foi bastante frustrante. Ata que nos anos 90 fixen o curso de especialidade en lingua galega e a parte de historia, impartiuna D. Ramón Villares e a de xeografía D. Augusto Pérez Alberti, e aí descubrín outro xeito de impartir historia e xeografía. Dicía que a miña percepción ata esa experiencia de formación era que os profes, en vez de impartir, “asasinamos” a historia. Pero para impartir ben a historia, hai que saber moita historia e ler moita historia. E así dende aquela procuro cada día “asasinar” un pouco menos a historia.

-Con qué grupos é máis doado traballar: cos máis pequenos ou cos maiores? Algunha preferencia en canto a idades pola súa parte?

-Se partimos da premisa de que ao final, os mestres transmitimos coñecementos (así nolo impón o programa), cos maiores é máis doado. Pero coñezo moitos compañeiros que prefiren os máis pequenos. Para gustos. Eu os derradeiros anos estiven con 5º e 6º de primaria e sentinme ben.

"Nun curso con Ramón Villares e Augusto Pérez Alberti descubrín outro xeito de impartir historia e xeografía. Ata esa experiencia dicía que os profes, en vez de impartir, “asasinamos” a historia"

-E qué cambiou en todo este tempo no xeito de impartir clase? Cómo foi evolucionando a tarefa docente ata a chegada das novas tecnoloxías?

-Eu xa pasei unas cantas leis de educación. Resumindo e esaxerando: “Imos cambialo todo para que todo siga igual”. Porén, algo si cambiou. Agora dáselle máis importancia ao “que sabes facer co que sabes?” que ao saber cousas en si mesmo. A chegada das TIC a educación foi paulatina e en moitos casos dependía da vontade dos mestres de coller o tren e meterse nel ou deixarse ir.

-Por certo, qué opinión lle merece o uso das novas tecnoloxías no ensino?

-Teño unha opinión totalmente positiva e a favor do uso (non abuso) das TIC no ensino, nas aulas. Para iso fai falta vontade e formación. As TIC abren as portas e fiestras a un mundo inmenso de recursos, motivación, facilidades para acceder... E é necesario que a escola aborde ese espazo, porque na vida real o alumnado vaise ver inmerso nesa “voráxine”, e debemos formalo para que, lonxe de perderse, saiba sacarlle proveito. Aproveito para dicir que meter as TIC e as tablets e ordenadores nas aulas non significa erradicar cadernos, libros... Con todo, polo que se le por aí a polémica está servida.

-Cre que, en xeral, os xóvenes de hoxe están máis preparados ca os de anteriores xeracións?

-Xeneralizar non é o xusto, pero, en liñas xerais, coido que si. Posiblemente saiban menos teoría dalgunhas materias, pero están en xeral máis preparados, con matices importantes. As TIC, o inglés, que mellorou o seu nivel significativamente, o acceso xeralizado aos medios de comunicación de masas...Todo iso fai que , en xeral, as xeracións actuais estén máis preparadas. Non podemos obviar que a sociedade evoluciona, e as nosas crianzas son parte desa sociedade; é máis, son reflexo desa sociedade.

“É necesario que a escola aborde as novas tecnoloxías, porque na vida real o alumnado vaise ver inmerso nesa voráxine, e debemos formalo para que saiba sacarlle proveito”

-O María Inmaculada foi máis da metade da súa vida. Qué cre que lle aportou vostede ao colexio? E o colexio a vostede?

-Digamos que fomos, somos, un matrimonio ben “avenido”. Ao colexio aporteille todo o que tiña: o meu traballo, a miña implicación constante, algunha parte dos meus ideais, a miña experiencia educativa e tamén de vida. Non só fun mestre, tamén fun e aínda son durante tres décadas delegado sindical, fun durante unha década secretario do Padroado da Fundación María Seoane Colmeiro, en representación do persoal do colexio. A min aportoume un medio de vida, un montón de amigos/as, una chea de experiencias enriquecedoras, toda unha amalgama de relación sociais(pais-nais, compañeiros/as, tamén doutros colexios, alumnos/as, exalumnos/as...) que doutro xeito non terían sido.

-Lembra especialmente algunha promoción ou algún grupo de alumnos? E algún alumno que lle deixara unha pegada especial?

-Con especial agarimo a miña primeira promoción do ano 1980. Despois hai promocións que, por distintas causas, deixan máis pegada. De alumnos/as, moitas anécdotas pero non vou nomear a ningún porque serían moitos.

“Ao colexio aporteille todo o que tiña. Digamos que fomos, somos, un matrimonio ben avido”

-Deulle clase a tres xeracións distintas, así que terá casos nos que pais e fillos pasaran polas súas aulas…

-Hai moitos casos de pais e fillos, de Silleda e de fóra tamén.

-Supoño que tería alumnos que terminaron sendo mestres, incluso compañeiros de claustro…

-Agora mesmo, hai tres compañeiros que foron alumnos meus na EXB, e algún outro que fixo aquí o BUP pero non alumnos meus directamente. Os que foron alumnos meus tamén o foron os seus fillos que xa acabaron case todos e xa son universitarios.

-Qué consello lle daría a un/ha alumno/a seu que queira dedicarse ao ensino?

-Para dedicarse ao ensino, ten que gustarche. Se lles gusta, adiante. Fan moita falta mestres comprometidos e con ganas de facer cousas.

-Algo que engadir? Algún comentario, agradecemento…?

-Agradecer a toda a comunidade educativa o seu apoio e cariño, pero sobre todo aos compañeiros polo seu apoio incondicional. Por último, quixera reivindicar o papel decisivo do colexio Mª Inmaculada no devir do ensino e na educación en Silleda.

José González Baamonde naceu na parroquia de Rellas (Silleda) o 29 de novembro de 1958, na casa á que recuncou a vivir logo de pasar por varios lugares de residencia ao longo da súa vida. Diplomado en profesorado de EXB en 1979 pola Escola de Maxisterio de Pontevedra, en setembro de 1980 incorporouse ao María Inmaculada como mestre. Ten catro fillos e tres netos.

Suscríbete para seguir leyendo