Entrevista | Tereixa Constenla Xornalista e escritora

“ Sentinme privilexiada ao poder escoitar o relato directo dos protagonistas da revolución”

A correspondente estradense presenta hoxe Abril é un país, sobre a Revolución dos Caraveis

A xornalista estradense Tereixa Constenla.

A xornalista estradense Tereixa Constenla. / Samuel Sánchez

Ana Cela

Ana Cela

Curiosidade e admiración son dous motivos marabillosos e máis que sólidos para comezar a investigar para escribir unha historia. Foron os que moveron á xornalista Tereixa Constenla a ir fiando o que aconteceu o 25 de abril de 1974, durante a bautizada como Revolución dos Caraveis. A investigación documental e as entrevistas mantidas con algúns dos protagonistas permitíronlle fiar unha reconstrución dun “golpe sen violencias nin vinganzas”, unha revolta “poética, pacífica, surrealista aos poucos” que reservou para a autora sorpresas que a impactaron.

–Este venres xoga na casa. Presenta na Estrada o que é o seu segundo libro, Abril é un país. Cando, como e por que chamou a súa atención a Revolución dos Caraveis?

–Como galega, tiña unha memoria idealizada, aínda que superficial, sobre a revolución portuguesa. Ao pouco de chegar a Lisboa coma correspondente, en xullo de 2021, morreu Otelo Saraiva de Carvalho, o deseñador do plan operativo do golpe militar. Daquela decateime dos episodios e personaxes abraiantes que protagonizaron aquel día. E desa mestura entre curiosidade e admiración nace o libro.

–Reconstrúe os feitos daquel 25 de abril de 1974 coa análise e a minuciosidade do oficio xornalístico, froito da investigación documental e das entrevistas mantidas con moitos dos protagonistas desa revolución. Como foi este traballo?

–Unha descuberta apaixonante, tanto polo acceso a material documental como polas entrevistas. Sentinme moi privilexiada ao poder escoitar o relato directo dos protagonistas da revolución e doutros portugueses que loitaron contra a ditadura. Pasados 50 anos, xa faleceron algúns, como o capitán Maia, mais aínda puiden recibir testemuñas de moitos deles.

–Deparou algunha descuberta, algo co que non contaba?

–Entre os documentos que máis me emocionaron citaría os aerogramas, as cartas aéreas, que mandaba dende a guerra o capitán Maia e que reflexan moi ben a atmosfera que vivían en África os militares portugueses. Tamén me impactaron as entrevistas con tres misioneiros dos Padres de Burgos que lograron sacar clandestinamente o informe que acreditaba a masacre de Wiriyamu, en Mozambique, onde os portugueses mataron, polo menos, 385 persoas. A difusión desa matanza estremeceu ao mundo e illou a ditadura aínda mais. Dalgún xeito, abalouna e empurrouna cara o final.

–Todo este traballo de investigación, de pescuda entre documentación e testemuños, cambiou nalgo a súa visión inicial desta revolta?

–Fixo mais grande a miña admiración polos militares, tanto os que saíron á rúa para dar un golpe sen violencias nin vinganzas, coma os que desobedeceron aos superiores para non matar aos compañeiros cando recibiron a orde de disparar. Antes deles tamén foron heroicos os disidentes do réxime de Salazar, continuado por Marcelo Caetano dende 1968, que foron quen de arriscar a vida. Os episodios de torturas sufridos por Conceiçao Matos e Domingos Abrantes, aos que entrevistei, demostran o brutal que foi a policía política portuguesa e a ditadura á que servían.

–Quizais pola banda sonora que lle pomos os que coñecemos moi por riba a Revolución dos Caraveis ou polo propio nome que se lle dou e esas imaxes das flores no cano dos fusís, semella que se debuxa no imaxinario como unha revolta un tanto poética...

–Foi así. Poética, pacífica, surrealista aos poucos, aínda que houbo seis vítimas. Catro foron causadas pola policía política, ao disparar dende o seu cuartel cara os manifestantes da rúa. Os outros dous foron debidos a tiros de soldados revolucionarios en episodios de moito caos, ocorridos entre o 25 e o 26.

–Leva contado historias toda a vida e esta é a súa segunda obra, ben distinta de Cuaderno de urgencias, unha peza completamente persoal, chea de emocións e que, podo asegurar, deixa pegada para o lector. Entendo que foron momentos creativos tamén moi diferentes. Falamos de catarse no primeiro deles?

–O Caderno de urxencias axudoume a ordear intelectualmente o furacán de emocións que desatou a morte de Álex, a miña parella, despois dun tempo moi turbulento onde vivíamos cada día como unha conquista pola supervivencia. Houbo demasiadas mortes e demasiadas doenzas en moi pouco tempo e aquilo agudizou a consciencia de estar vivos e a importancia de amar e coidar aos que queremos. Fora daquilo, todo semellaba ser unha nimiedade.

–Gustaríame preguntarlle que pouso lle deixou a súa opera prima.

–Estiven tan marcada polos acontecementos que o libro, en si mesmo, foi como un caderno de viaxe que foi da catástrofe á memoria dos días felices. O mais gratificante foi o retorno das persoas tocadas pola súa lectura porque conectaba coas súas experiencias, sentir que algo tan persoal pode ser a un tempo universal porque o amor ou a dó son emocións que quizais nos acompañen dende o tempo das cavernas.

–Correspondente para El País en Lisboa, despois de ser xefa de sección de Cultura deste mesmo diario. Cando se escribe todo o día, como se fai tempo e –sobre todo– gañas para dedicarse a escribir por pracer?

–Como correspondente en Portugal tocoume un tempo inestábel, con crises políticas insospeitadas e dúas eleccións lexislativas en dous anos. Apaixonante para unha xornalista, malia a esixencia. Conxugar iso co libro foi moi estresante, sobre todo nos meses finais onde cadrou a dimisión do primeiro ministro António Costa coa necesidade de entregar a última parte de Abril é un país.

–Sei que estamos ás portas da presentación, pero case me arrisco a dicir que xa bule outra idea, que quizais sempre estivo aí e que aínda non atopou o seu momento. Sobre que lle gustaría escribir?

–A cabeza bule mais que as forzas, non si? Teño unha débeda cunha historia arredor da miña avoa, quizais unha escusa para escribir sobre o noso mundo de onte, onde cada aldea era un universo que se mantivo estábel durante séculos malia os acontecementos da historia con maiúsculas. Coido que a miña xeración enxergou na infancia os derradeiros días daquel mundo.

–A Estrada. A terra sempre chama. A familia, os amigos e as raíces. Ten intención de volver?

–Veño a cada pouco. Son unha gran dependente dos afectos que aquí teño e de algo inmaterial que me dá Arca.

Suscríbete para seguir leyendo