Clamor en Sabucedo: xente ao monte

Convocan unha marcha reivindicativa o día 8 ao Peón contra os novos proxectos eólicos de Xubrintas e Alamaceiros, con varios muíños no hábitat da cabana da Rapa das Bestas

Xente camiñando preto do Peón na última edición da Rapa das Bestas.   | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Xente camiñando preto do Peón na última edición da Rapa das Bestas. | // BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Ana Cela

Ana Cela

“Somos unha aldea de aloitadores e aloitadoras. Dende hai moitos anos Sabucedo mostra ao mundo como vivir e sobrevivir no rural en connivencia coas bestas. Un mundo no que o proceso de globalización difumina estas relacións entre persoas e animais e que provoca o éxodo da xente do rural para as cidades e ó exterior, sempre se veu compensado para nós como aldea, grazas a que a nosa tradición nos mantiña máis apegados á terra”. Así comeza a que ben podería ser unha carta de convocatoria de Sabucedo para o mundo. Este pequeno recuncho do Concello da Estrada fai un chamamento. E faino como acostuma, cando se precisa axuda para xuntar as bestas do Santo e baixalas á aldea, co cometido de cumprir xuntos coa tradición herdada dende hai cinco séculos. Xente ao monte. Ese é o clamor que resoa. Xente ao monte. Cando? O sábado 8 de xuño, nunha marcha reivindicativa ata o Peón que convocan a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Asociación de Veciños de Sabucedo, Alarma na Terra de Montes, Colectivo do Vento e O Eido do Cervo.

A saída terá lugar ás 09.30 horas dende o Teleclube de Sabucedo. A marcha serán 4 horas, ida e volta, cunha dificultade baixa. E serán catro horas de monte nos que se busca expor a desesperación que existe nesta parroquia da Estrada polo novo avance da maquinaria eólica, despois de que se fixeran públicos os proxectos de dous novos parques eólicos, Xubrintas e Alamaceiros, con 15 e 18 aeroxeradores, respectivamente, e con 130 MW de potencia conxunta. “A isto habería que sumar varias subestacións eléctricas destinadas á evacuación da enerxía, con quilómetros de vías e liñas de alta tensión”, engaden dende Sabucedo.

Nesta aldea da Estrada non son de engurrarse. Foron xa moitos os obstáculos que puxeron difícil a continuidade da Rapa das Bestas, dende plantacións forestais ata a proliferación do lobo pasando polos roubos constantes das bestas, unha Guerra Civil ou, máis recentemente, unha pandemia. “ Sempre soubemos que as dificultades e problemas que se interpoñerían no mantemento do noso proceso cultural serían numerosas, pero tamén temos claro que estas mesmas trabas son as que nos fan máis fortes como grupo”, sinalan.

“Despois de varios anos loitando contra a masiva proliferación de parques eólicos na nosa zona e tras levar unha pequena alegría polas resolucións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (sabemos que de ningunha maneira, definitiva pois trátase de paralizacións cautelares), agora tócanos enfrontarnos aos parques de tramitación estatal, moito máis grandes e máis voraces se cabe”, manifestan. Lembran que estas instalacións están acollidas a un procedemento exprés, “sen garantías para as comunidades afectadas e sen posibilidade de contar con información rigorosa dos proxectos que permita unhas mínimas alegacións, o que provoca unha sonora e inxusta indefensión”, alegan, para logo engadir: “Consideramos que os argumentos para someter os proxectos de carácter estatal á avaliación ambiental ordinaria aumentan tendo en conta que, xusto nos mesmos montes nos que se plantexan, o TSXG decretou a paralización cautelar por posible dano ambiental dos parques Campo das Rosas, Touriñán III-2 e Porto Vidros”. É por iso que reclaman ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) que estes novos proxectos se somentan ao procedemento de avaliación ambiental ordinaria, conforme ao previsto na Lei 21/2013 do 9 de decembro.

Para as xentes de Sabucedo non hai dúbida algunha do impacto que terían os macroparques Xubrintas e Alamaceiros no hábitat no que vive dende hai séculos a cabana de San Lourenzo. “Estas infraestruturas estragarán o sistema de vida das bestas que acoden todos os anos á Rapa das Bestas de Sabucedo, recorrendo o monte dende a nosa aldea ata o concello de de Campo Lameiro (capital da arte rupestre), co que todo o seu hábitat será arrasado de esquina a esquina. Non só as bestas sufrirán as consecuencias, pois neste monte convive todo un complexo ecosistema de especies absolutamente interrelacionadas co territorio”, advirten.

Pero aínda hai máis. Catro dos 15 aeroxeradores do parque eólico Xubrintas están proxectados dentro do peche do Castelo, un lugar de traballo para a Asociación Rapa das Bestas, onde se someten os animais a coidados veterinarios, xunto cos procesos de control e suplementación alimentaria nos longos invernos. A maiores, este recinto está certificado como Centro de Acollida de Equinos pola Xunta de Galicia e, dende este mesmo peche, parten as bestas cada sábado da Rapa para encamiñarse ao curro do Campo do Medio. Del parten, tamén, o luns de cada Rapa, desta volta rumbo aos montes nos que viven durante todo ano en réxime de liberdade.

A todo ao exposto suman dende esta parroquia da Estrada outro dato que ten ben preocupados aos veciños: a proximidade ás casas. “Algún dos aeroxeradores proxectados atópase a menos de 1000 metros das vivendas; por non falar de que paixasisticamente é unha aberración, incompatible cos proxectos de turismo rural guiado para a observación das bestas e outras especies da zona e polo tanto a eliminación dalgúns postos de traballo vinculados ao turismo”, expoñen. Sinalan tamén que estes proxectos están promovidos polo grupo empresarial Atitlán Helios a través de varias subempresas. “Apenas contan con 3.000 euros de capital social, polo que non teñen pensado facer fronte a ningunha incidencia futura, e isto é así porque nunca van construír ningún parque, simplemente fan o proxecto e véndeno ao mellor postor”, advirten.

Para manifestar a unión e loita contra estes macroparques, as empresas que os proxectan e as adminsitracións que os permiten que se leven a cabo, estes colectivos fan, con esta marcha, un chamamento reivindicativo para o sábado 9. De Sabucedo ao Peón, como nos días de Rapa. Xente ao monte e polo monte.

Entradas ao curro só dispoñibles na web e á venda dende mañá

As entradas para asistir aos tres curros da Rapa das Bestas de Sabucedo este ano estarán á venta dende mañá sábado, 1 de xuño. A festa será do 5 ao 8 de xullo. A asociación Rapa das Bestas anunciou onte a través das súas redes sociais que unicamente se poderán mercar os accesos a través de internet, xa que non haberá venda de entradas os días de festa nas billleteiras do curro. Deste xeito, as entradas poderanse mercar a través da páxina web www.rapadasbestas.gal. No tocante aos prezos, para asistir aos dous primeiros curros da tempada –sábado pola tarde e domingo ao mediodía– as entradas costarán 15 euros por adulto e 10 por neno, con idades comprendidas entre os 4 e os 12. Os menores de 4 entran de balde. As tarifas son inferiores para o curro do luns, con 10 euros por adulto e 5 por neno.

A pegada