Noelia A Ferreira mostra o seu arte en Polonia

A artista lalinense participa nunha exposición internacional en Poznan con tres obras a medio camiño entre a escultura e a instalación

Noelia, coa súa obra 'Ostoja/Refuge', na exposición de Polonia.

Noelia, coa súa obra 'Ostoja/Refuge', na exposición de Polonia. / Cedida

Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Noelia A Ferreira mostra estes días tres das súas obras nunha exposición internacional en Polonia. Bridging Absences: Artistic Explorations of Social Cohesion, que así se chama a mostra, reúne tamén obras de Kamil Druk (Polonia) e Jannik Trapp (Alemaña) e desenvólvese no marco do proxecto europeo Inter(relation) Path. A artista lalinense participou na inauguración, que tivo lugar o pasado venres 24 na Galería U Jezuitów de Poznan.

Noelia, coa súa obra 'Migration iceberg' na galería polaca.

Noelia, coa súa obra 'Migration iceberg' na galería polaca. / Elena Macipe Magallon

Inter(relation) Path ten por obxectivo reflexionar sobre a cohesión social e os movementos migratorios da poboación actual a través da investigación artística. Este proxecto tivo por primeira fase unha visita de estudo en Berlín, unha segunda fase de residencia artística en Soria e finaliza con esta terceira fase de exposición en Poznan. O proceso xuntou aos artistas con diferentes colectivos sociais, desde perfís expertos en arte ata organizacións de acollida á inmigración, a partir do que elaboraron diferentes propostas artísticas agrupadas nesta exposición. Inter(relation) Path foi propulsado pola asociación española Creando por Soria, e apoiado polas organizacións alemana Lernlabor (Berlín) e polaca Logos (Poznan), con financiamento da Unión Europea e do Instituto de la Juventud (Injuve).

A artista de Alperiz, cunha das súas pezas na galería polaca.

A artista de Alperiz, cunha das súas pezas na galería polaca. / Elena Macipe Magallon

Noelia A Ferreira participa con tres obras a medio camiño entre a escultura e a instalación, xirando sobre temáticas como a externalización de fronteiras, a invisibilización da inmigración e a dualidade emigración-inmigración. A mostra pódese visitar ata hoxe, martes, 28 de maio. Logo as pezas viaxarán a Berlín.

As pezas e o seu significado

Border doors mostra que as fronteiras xa non son só unha forma no límite dos países. Así explica a autora esta obra: “Partindo do que a economía da política chama “eficacia”, as fronteiras xa pasaron a invadir países de orixe migratoria, instalándose nos seus límites (ríos, montañas, mar, murallas) ou en calquera outro punto de control de estranxeiros como aeroportos ou estacións de transporte”. “As persoas que emigran do seu país por motivos conflitivos e solicitan asilo político son substituídas en albergues onde permanecen ata que se lles aproba a súa condición de residencia –expón A Ferreira–. Mentres tanto, as portas destes lugares son a fronteira da súa estancia”. Tres portas foron lanzadas en Soria: dous albergues de refuxiados e un da oficina local de estranxeiros.

Composición titulada 'Border doors'.

Composición titulada 'Border doors'. / Cedida

Tamén afonda na invisibilización da inmigración Migration iceberg: Rede multitudinaria de persoas en movemento tomando como referencia o volume do iceberg. “A maior parte da multitude está mergullada e invisible –explica–. A temática raíz é a palabra “rede”, arredor da que xira o obradoiro realizado cunha poboación de orixes e necesidades diversas.

Unha das obras da artista lalinense pendurada do teito, con outras pezas dela ao lado.

Unha das obras da artista lalinense pendurada do teito, con outras pezas dela ao lado. / Cedida

Ostoja/Refuge, a terceira obra que ensina en Poznan, representa o espazo de protección que oscila entre a emigración e a inmigración. “Tómase como referencia a dualidade entre a experiencia vivida na emigración e a experiencia da inmigración, formando ambas parte da mesma realidade de despoboamento e procura de recursos”, en palabras da creadora. “Paralelamente –prosegue–, está a arquitectura desas aves que constrúen os seus hábitats con diferentes materiais atopados; hoxe en día inclúen o lixo do Índice de Pegada Humana como resposta de facer a súa casa cos posibles materiais que abundan”.

Detalle de 'Migration iceberg'.

Detalle de 'Migration iceberg'. / Cedida

Traxectoria

Noelia Paz Fernández naceu en 1991 en Alperiz (Lalín), na Casa do Ferreiro –daí o seu nome artístico–. A súa obra xira en torno á reflexión dos espazos intermedios e lindeiros, sendo principal a deconstrucción do lugar a través de celosías e redes de arame ou o moldeado en escaiola de obxetos-umbral, como os valados ou as portas. “No tocante ao espazo público exploro o ámbito rural e no espazo íntimo investigo o espazo animal”, apunta.

A obra 'Ostoja/Refuge'.

A obra 'Ostoja/Refuge'. / Cedida

Estudiou Belas Artes en Valencia (UPV) e a escultura converteuse no seu medio principal de expresión plástica. “Segundo ían pasando os cursos, medrou en min a necesidade de buscarlle aplicacións sociais á arte, e foi durante o erasmus en Budapest cando descubrín un gran interese polo espazo público e a arte urbana”, confesa. Tamén se formou en Deseño Urbano en Barcelona (UB) e alí achegouse á investigación é á participación cidadá. Disfrutou durante dous anos dunha beca de traballo de xestión cultural na Embaixada de España en Canadá.

Unha das "portas" na mostra de Poznan.

Unha das "portas" na mostra de Poznan. / Cedida

Logo de dez anos de traballo académico –sen esquecer a actividade expositiva– en Valencia, Barcelona, Budapest ou Ottawa, hai cinco, en 2019, voltou a Galicia para quedarse. Quere enfocar a súa traxectoria cara aplicacións sociais da artes. Nos últimos anos cobrou especial interés o contexto rural e a paisaxe, cos que experimenta.

Residencias artísticas e obradoiros en Alperiz

Actualmente, Noelia A Ferreira dirixe un obradoiro de escultura colaborativa en Carballo, onde reside, onde reside. Traballa nunha biblioteca e desenvolve obradoiros de escultura colaborativa, en colexios e dentro de programacións culturais de concellos. “Desde que voltei a Galicia, a produción escultórica cobrou moita máis importancia para min, e realizo en paralelo ás anteriores liñas descritas, diferentes exposicións e experiencias de crecemento na práctica artística propia”, apunta a creadora. Neste sentido, o ano pasado levou a cabo a actividade didáctico-artística O museo vai á escola no CEIP do Foxo (A Estrada) e culminou o obradoiro de participación Pingas de luz, de visibilización de historias de violencias machistas, en Rianxo. Na Coruña, en 2022, impulsou o proxecto Pensar a cidade a través da arte, con obradoiros formativos continuos en formato roteiro sobre arte público, arquitectura e memoria urbana. Elaborou pezas escultóricas en espazos de arte ao vivo no Foro Empuxe Deloa, en Noia, ou, este ano, na Foliada da Mulleres de Couso (A Estrada). Os seus proxectos de futuro pasan por continuar coa producción escultórica, atopar oportunidades para facer residencias artísticas ou galerías que se interese pola súa obra, así como desenvolver novas técnicas escultóricas. “A nivel artístico, estou apuntando a explorar máis a paisaxe e o ámbito rural”, subliña. Por iso, un dos seus maiores anhelos é abrir na súa aldea de Alperiz un programa de residencias artísticas e obradoiros no rural.