Entrevista | Sandra López Díaz Gañadora do premio Alberte Quiñoi de álbum ilustrado

“O certame foi o impulso para crear un proxecto literario de meu”

Sandra Lodi na súa mesa de traballo.

Sandra Lodi na súa mesa de traballo. / Cedida

Sandra López Díaz (33) é una lucense de nacemento e compostelana de adopción que dende hai anos desenvólvese profesionalmente no ámbito da ilustración e do humor gráfico baixo o pseudónimo de Sandra Lodi. Tras estudar Belas Artes en Salamanca e pasar un ano formándose en Milán, comezou a súa andaina, á que se lle suman colaboracións con diferentes medios de comunicación, revistas e marcas como New Balance ou Carolina Herrera. Agora, dá o salto á literatura infantil, unha decisión sobre a que fala máis polo miúdo con FARO.

–Como se sente sabéndose gañadora do premio Alberte Quiñoi que organiza o Concello de A Estrada?

–Pois a verdade é que moi feliz, porque é a primeira vez que me aventuro a escribir algo, a facer un guión propio e a intentar publicalo. Ata agora nunca publicara nada co meu nome, polo que estou moi contenta.

–Que a levou a dar este paso e presentar o seu traballo a este certame literario?

–Levaba tempo coa idea na cabeza, e no caso do Alberte Quiñoi, as bases non obrigan a que tanto a ilustración como o guión sexan propios, senón que permite que sexa en dupla. Inicialmente pensei en facer algo conxunto pero despois comecei a bosquexar unha historia eu mesma e pareceume que podía estar ben e ter a calidade suficiente para escribila. Digamos que o certame supuxo para min ese impulso e esa motivación necesaria para intentar darlle forma a un proxecto literario de meu, xa que ata agora eu sempre me vin como alguén a quen se lle dá ben debuxar, pero que a escrita era cousa doutros.

–Comenta que sempre estivo vencellada ao ámbito gráfico. É ese o motivo polo que á hora de iniciarse na literatura optou por este formato de álbum ilustrado?

–Efectivamente. Certo é que sempre tiven en mente facer algo para o público infantil. As ilustracións que eu fago normalmente, dentro do ámbito do humor gráfico, teñen unha atmosfera máis adulta, pero á hora de aventurarme a escribir parecíame máis sinxelo probar co álbum ilustrado, onde aínda que o guión textual é moi importante, a imaxe ten moita máis forza que noutros formatos.

–Fáleme do seu proceso creativo. Canto tempo estivo traballando en “Papóns”?

–Dende que saíron as bases en novembro xa comecei a pensar en posibles historias, pero digamos que de traballo continuo e sen descanso, un mes e medio. Contaba con cinco tramas pero decanteime por esta porque me parecía que tiña maior profundidade de contido, a nivel crítica e mensaxe.

–Esta é unha historia ficticia ou ten algo de autobiográfico?

–Hai algo de autobiografía. Ao igual que a nena protagonista, eu fun unha rapaza urbanita que nas fins de semana desfrutaba de pasar tempo na aldea cos avós.

–Para rematar, ten pensado seguir publicando traballos literarios?

–Gañar este premio supón un empurrón moi grande, polo que a miña idea é continuar.