Entrevista | Álex Arnoso Músico da banda Vimbio

“É unha honra actuar no Rock in Río Tea”

O grupo musical Vimbio participa hoxe no festival de rock de Ponteareas

Álex Arnoso, de Vimbio.   | // D.P.

Álex Arnoso, de Vimbio. | // D.P.

María Abril

Tras un ano da despedida oficial de SonDaRúa, Álex Arnoso comezou un novo proxecto musical enfocado ao xénero metal alternativo dos 90 e os 2000, sen deixar de lado o rap, en Vimbio. Este grupo, que vén de actuar por primeira vez nunha sala de Vigo o pasado mes de xuño, estréase no mundo dos festivais co Rock in Río Tea, que terá lugar entre hoxe e mañá no Parque Da Feira Vella de Ponteareas.

–Como foi o inicio deste novo proxecto musical, Vimbio, tras a despedida de SonDaRúa?

–Dende a adolescencia gustábame moito o rock e o metal, pero empecei a escoitar máis rap e abandonei un pouco os outros estilos. Cando comezamos a expor a despedida de SonDaRúa, tiven ganas de volver a eses estilos que me gustaban de antes e mesturalos co rap nunha nova banda. Ademais de combinar estos distintos xéneros musicais, tamén quería tocar a guitarra, que é algo que fago desde pequeno, e cambiar de aires polo que na despedida xa tiña este novo proxecto na mente. De feito, non foi idea miña, senón que un dos meus compañeros convenceume para probar e, tras a publicación da primeira canción e có final de SondaRúa, foi un proxecto máis en serio para min.

–Cales serán os sons característicos da banda?

–O noso estilo mestura o rap e o metal, estamos influenciados polo metal de principios do 2000, sobre todo o nu metal con grupos como Korn. A grandes liñas os nosos referentes son bandas como Limp Bizkit e Rage Against the Machine, pero tampouco nos centramos en que os nosos sons só lembren a esa época, ao final cada grupo ten as súas influencias e buscamos introducir tamén estilos máis modernos.

–Cal é o público obxectivo de Vimbio?

–Non nos pechamos a ningunha audiencia, pero centrámonos en entrar no circuíto de festivais galegos, un pouco similar aos espazos nos que se movía SonDaRúa. Aínda que nosa única pretensión é facer a mellor música posible, non creamos as cancións pensando no público ao que dirixirnos de forma consciente, pero polo estilo o máis probable é que nos situemos en eventos que promovan a música en galego.

–Como se desenvolveu o concerto debut en Vigo o mes pasado?

–O primeiro concerto vivímolo moi ben, tamén era a primeira vez que actuaba coa instrumental en directo e foi unha experiencia boa. Foi un quecemento perfecto para o Rock in Río Tea e a xente acolleunos estupendamente sen coñecer as cancións, estamos contentos.

–Que expectativas existen con respecto ao Rock in Río Tea?

–Temos moitas ganas xa que é o noso primeiro festival. En sala gustáronnos as vibracións, pero no meu caso prefiro os festivais porque estou máis cómodo en espazos máis grandes. Apetécenos dar este concerto e é un pracer e unha honra que sen ter unha traxectoria conten connosco para este festival cun cartel tan completo.

–Cales son os próximos obxectivos de Vimbio?

–Non estamos a buscar activamente outros eventos, pero avisáronnos dalgúns festivais, polo que nese sentido estamos bastante satisfeitos. O que fixemos ata estes momentos foi lanzar un pouco o grupo, subir cancións e proximamente daremos un par de concertos para chamar a atención do público. Na actualidade queremos encerrarnos un pouco no estudo para gravar bastante material e ir sacando de fronte ao ano que vén algún videoclip e máis cancións para ter máis contido. Tamén está a posibilidade de facer un disco, pero por agora centrarémonos nestes pasos previos.

Suscríbete para seguir leyendo