Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Membros de Espazo Lectura grandes e cativos, onte na Casa da Lectura de Donas.PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

Espazo Lectura, a tribo dos libros que é un exemplo estatal

A asociación de Gondomar, premio Liber da Federación de Editores de España

“Para nós é moi importante que se premie un proxecto en galego no Estado”, afirma a presidenta

Nun recuncho do municipio pontevedrés de Gondomar naceu no ano 2006 unha asociación disposta a espertar o gusto pola lectura en lingua galega entre os rapaces con actividades lúdicas. Dezaoito anos despois, Espazo Lectura non só conta con máis de 200 persoas de toda a comarca, a metade rapaces, asiduas aos seus clubes semanais e mensuais, senón que dispón dunha biblioteca propia con máis de 4.000 libros, unha vintena de editoriais asociadas e unha chea de recoñecementos.

O último, a nivel estatal. A Federación de Gremios de Editores de España concedeulle onte mesmo o Premio Liber á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público. Todo un orgullo para a entidade. “Para nós é moi importante que se premie no Estado un proxecto en galego”, subliña a presidenta, Yaiza Peixoto.

Espertar o gusto pola lectura entre os máis cativos é o principal obxectivo de Espazo Lectura.

O xurado valorou “o traballo modélico e voluntario” que esta familia lectora desenvolve e que “debera estenderse a todo o territorio nacional, instalándose coma un claro exemplo a seguir” e destacou a súa colaboración cos centros educativos da contorna.

A directiva recollerá o galardón o vindeiro 2 de outubro no Museu Nacional d’Art de Catalunya, en Barcelona, no marco das actividades de Liber 2024, recoñecida internacionalmente como unha das principais feiras de exportación, mostra e promoción da edición en español.

18 anos de historia

A maioría de idade chegou cargada de boas novas para Espazo Lectura. Celebrouno en xaneiro coa estrea da reforma integral da biblioteca que tén na parroquia de Donas, a Casa da Lectura. En maio recibiu o premio Follas Novas –que conceden a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega– por segunda vez na súa historia, tamén pola súa labor a prol da promoción da lectura. Agora deu o salto estatal e acadou o seu segundo recoñecemento fóra das fronteiras galegas. O anterior foi o segundo premio de Dinamización Sociocultural da editorial Everest e recibiuno en marzo de 2010.

Houbo máis recoñecementos ao longo de todo este tempo dos que a directiva se sente “moi agradecida e orgullosa”, pero se hai algo do que a xente de Espazo Lectura está satisfeita é de “ser tribo”, deixa claro a presidenta. “Porque a lectura fai iso, que a xente se coñeza nos clubes, amplíe o seu entorno social... ao final somos un lugar de encontro onde se comparten lecturas e moitas cousas máis”, explica.

Un encontro lector na Casa da Lectura de Donas.

Os principais autores galegos –Ledicia Costas, Fran Alonso, Paula Carballeira, María Reimóndez, Iria Misa, entre outros moitos– pasaron por algunha das máis de cen actividades fixas e puntuais que o colectivo organiza ao longo do ano. Teñen clubes de lectura para todas as idades, sesións de contos para os máis pequerrechos, ou encontros coma a “Fogueira dos versos”, que reuniu a máis de cen persoas o día de San Xoán na Casa da Lectura.

Participantes na Noite na Biblioteca que organiza Espazo Lectura.

Xa pasaron xeracións de miñoráns polas sesións. “Os pequenos cos que comezamos andan hoxe arredor dos 20 anos”, lembra Peixoto, “ e moitos deles agora coordinan clubes de lectura de adultos ou colaboran dalgún xeito”, destaca.

Un documental en proxecto

É o caso de Alma Alonso, unha das rapazas que se criou a carón da asociación e que dirixirá, xunto con Asun González, o documental sobre a traxectoria de Espazo Lectura. A rodaxe comeza en agosto.

Entre os proxectos a longo prazo da entidade atópase tamén o Museo do Conto, una ampliación da Casa da Lectura que pretende ser unha referencia en Galicia con espazos de encontro arredor dos libros para construir unha sociedade “máis libre, crítica e creativa”,

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.