Novo premio á revolución lectora de Gondomar

Espazo Lectura recolle o Follas Novas que xa recibira en 2016

“Gustaríanos ser un paradigma da dinamización lectora en Galicia”

A directiva  de Espazo Lectura tras recoller o premio.

A directiva de Espazo Lectura tras recoller o premio. / E.P.

N.P.

“Gustaríanos que o traballo diario de Espazo Lectura fose un posible paradigma para a dinamización lectora en lingua galega”. Toda unha declaración de intencións sobre o que pretende a asociación gondomaresa desde hai dezaoito anos a que fixo Yaiza Peixoto, a súa presidenta, ao recoller esta fin de semana no Teatro Principal de Santiago o Premio Follas Novas do Libro Galego na categoría de “Promoción da Lectura”. Un recoñecemento da Asociación Galega de Editoras, da Federación de Librarías de Galicia e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega que xa recibira a entidade en 2016, na súa primeira edición.

Neste ano de festexos pola maioría de idade e pola recente estrea da reformada Casa da Lectura, o galardón supón “un gran orgullo” para a asociación, segundo indicou Peixoto, que agradeceu tamén o traballo de todas as persoas e institucións que apoian o proxecto: voluntariado, familias, socios protectores, autores e autoras, contacontos, compañías teatrais e musicais, librarías, e ao propio Concello de Gondomar.

Novos proxectos

Salientou ademais a boa saúde da que goza Espazo Lectura despois de 18 anos, representada pola nova directiva, que lle dá continuidade, e polas máis de cen actividades que se levan a cabo ao longo de cada ano. Con máis ilusión ca nunca, o colectivo afronta novos proxectos como a grabación dun documental titulado “A rebelión da lectura”, que relatará a súa historia, ou o Museo do Conto, que albergará novos espazos de encontro arredor dos libros, “nos que os adultos, nenos e nenas, mozos e mozas e familias poidan tecer unha sociedade o máis libre, crítica e creativa posible”, subliñou a presidenta.

Espazo Lectura conta con 17 editoriais asociadas e 4.000 libros en galego nos seus estantes, ademais dunha ampla oferta cultural.Ten catro clubes de lectura activos para todas as idades e organiza actos puntuais coma a Semana do Libro e da Lectura,a Fogueira dos Versos por San Xoán, entroutros. Polos seus encontros de lectores teñen pasado ducias de autores galegos, desde Ledicia Costas a Paula Carballeira, María Reimóndez, Iria Misa, Fran Alonso...

O segundo Follas Novas súmase á lista de premios que forman tamén o 2º Premio de Dinamización Sociocultural Everest, convocado para proxectos en todo o estado español ou o Fernández del Riego á difusión no ámbito cultural, concedido pola Asociación Galega de Editores.

Suscríbete para seguir leyendo