O Celta muda a placa da biblioteca Juan Compañel pero mantén un dos sete erros que tiña

"A placa foi substituída" , respondía o club ao artigo que firma hoxe en Faro o escritor Antonio García Teijeiro titulado: "Urxe reparar esta barbaridade lingüística"

A palabra que lles quedou polo camiño é 'clubes'; en galego dise 'clubs'

Á esquerda, a primeira placa con sete erros. Á dereita, a segunda aínda con un dos erros da anterior.

Á esquerda, a primeira placa con sete erros. Á dereita, a segunda aínda con un dos erros da anterior. / Marta G. Brea

Marta Clavero

Marta Clavero

O Celta tivo boa intención, pero a nova placa segue sendo errónea. E iso que a carta que o escritor vigués Antonio García Teijeiro, galardoado entre outros co 'Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil', publicou hoxe en Faro levaba o texto correcto "para facilitarlles o labor". O que está considerado como un dos autores máis importantes da literatura infantil en lingua galega rubricaba un artigo baixo a título: "Urxe cambiar a placa do centenario do Celta" na edición deste venres do decano.

Teijeiro fai referencia ao cartel metálico que loce dende o pasado 23 de agosto na biblioteca pública Juan Compañel, lugar onde se fraguou a fusión entre o Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna, que daría lugar á actual entidade. Ese día, efeméride do centenario do Celta, o presidente Carlos Mouriño descubría a placa conmemorativa dese momento histórico no senlleiro edificio situado no Casco Vello de Vigo.

Moitos xa se decataron entón de que o escrito tiña varias faltas ortográficas en cinco liñas de texto: “Aquí naceu o RC Celta o 23 de agosto de 1923 grazas a xenerosidade de dous clubes, o Vigo Sporting e o Real Club Fortuna, e as súas afeccións, que amosaron que ca unión pódense acadar os mais grandes dos sonos”, rezaba a cita exposta na biblioteca.

Sete erros que o autor de obras como "Poemar o mar" e abonado número 636 do club non podía deixar pasar. "Quero o Real Club Celta de Vigo. É o único club que me fai sorrir, emocionarme, sufrir e aledarme coa súa traxectoria (...). Pero teño diante miña a foto dunha placa que me resulta indignante (...). Unha placa que, en algo máis de catro liñas, case ten máis erros ortográficos e lingüísticos que palabras". Estes son algúns dos extractos do artigo firmado este 1 de setembro polo escritor e columnista de Faro Antonio García Teijeiro.

Grallas ortográficas na primeira placa conmemorativa do Celta.

Grallas ortográficas na primeira placa conmemorativa do Celta. / MARTA G. BREA

Teijeiro escribía para rematar a súa carta: "Para facilitarlles o labor, permítome reescribila dunha maneira correcta para que lles resulte máis doado corrixila. Sería así: “Aquí naceu o RC Celta o 23 de agosto de 1923 grazas á xenerosidade de dous clubs, o Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna, e ás súas afeccións, que amosaron que coa unión se poden acadar os máis grandes dos soños”.

As queixas non caeron en saco roto e o Celta por fin rectificou. A parede da biblioteca xa loce esa nova placa escrita en galego, como así anunciou o propio club no tuit que publicou hoxe o FARO co artigo de Teijeiro.

Pero quedoulle un erro polo camiño. Das sete grallas ortográficas do anterior cartel rectificaron seis: 'clubes' en galego é 'clubs'.

Segunda placa que coloca o Celta na biblioteca pública do Casco Vello, aínda cun erro.

Segunda placa que coloca o Celta na biblioteca pública do Casco Vello, aínda cun erro. / Ricardo Grobas

"Dóenos no alma ter colocado a placa por erro sen a habitual revisión. E máis sendo algo que afecta á nosa lingua, un sinal fundamental de identidade do #RCCelta. Cómpre remarcar que, conscientes do noso erro, a placa foi substituída e leva xa uns días exposta". Dende a biblioteca confirmaron a Faro esa rectificación, pero afirman que o cartel metálico foi mudado onte pola mañá. Unha placa que segue mal escrita. Haberá unha terceira?