Música, cine e novidades no verán rosaleiro

O Rosal encerta esta fin de semana unha programación cargada de novidades culturais e de lecer para todos os públicos

A XXXII Feira do Viño do Rosal celébrase esta fin de semana.   | // FDV

A XXXII Feira do Viño do Rosal celébrase esta fin de semana. | // FDV

d.p.

A programación de verán comeza no Rosal cunha completísima axenda cultural e de lecer que promete uns meses de xullo e agosto cheos de música, cine, teatro e moitas actividades para todos os públicos, para todos os gustos e de balde.

“Temos lista unha programación con importantes novidades e melloras en eventos xa consolidados coa que quixemos ofrecer unha ampla variedade de actividades coas que achegar a cultura a todos os recunchos do noso concello dun xeito entretido, diferente e único. Este verán promete ser espectacular no Rosal”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Novidades

Como principal novidade, este verán o Concello programará os ‘Tardeos na Praza’, catro xornadas con actividades na Praza do Calvario para públicos moi diversos e que incluirán dende a música de Gold&Colt, o circo de niMU-Jacuzzi ou os contos para nenos e nenas de Tropa de Trapo ata un ciclo de cine coa proxección de ‘Barbie’ e curtametraxes. Este ciclo estrearase mañá e rematará o 29 de agosto coa actividade de peche da programación estival.

Feira do Viño

A Feira do Viño será esta fin de semana a encargada de dar o pistoletazo de saída a unha axenda de verán na que O Rosal Cámara Fest crece de forma notable con máis concertos. Nesta quinta edición haberá en total seis actuacións entre o 23 de xullo e o 14 de agosto que mesturarán música e patrimonio nun formato único que permite poñer en valor diferentes espazos.

A XXXII edición da Feira do Viño do Rosal, a celebración vinícola máis destacadas da comarca e recoñecida coma Festa de interese turístico, iniciouse onte e continuará toda a fin de semana.

A veciñanza e os visitantes poderán gozar de todo tipo de actividades innovadoras e moi diversas. Onte celebrouse un “scape room” centrado no sector vitivinícola, e hoxe celébrase unha actividade para nenos e nenas a cargo de Xosé Tomás, froito da nova obra editada polo Concello titulada “Entre Viños e Viñas”, e un espectáculo de maxia e globoflexia, entre outras actividades. Tamén haberá un obradoiro de cociña para a cativada, e música de diversos estilos a cargo de Brass Band, Helen&Shana e outros conxuntos pop e tradicionais, que fan do evento tamén un punto de encontro musical para tódalas idades.

Nesta XXXII edición aumenta a programación enolóxica contando coa celebración de dúas catas. Tamén hai tempo para gozar do deporte e o patrimonio do Rosal cunha visita guiada polos Muíños do Folón e do Picón.

Cultura nos barrios

Este verán tamén crecerá a Mostra de Cinema do Rosal organizada pola asociación Ghorghalado, que chega á súa cuarta edición.

O Concello do Rosal continúa apostando pola Cultura polos Barrios con seis novas propostas que percorrerán o Rosal do 29 de xullo ao 27 de agosto, dende espectáculos infantís ata música actual e tradicional ou noites de cine para desfrutar do verán.

A programación estival complétase cun novo espectáculo de Polo Correo do Vento durante o mes de xullo ou un novo Encontro de Bandas e de Corais. Levarase a cabo tamén a presentación dunha nova edición de Memoria Viva, que estreará un documental adicado a Pepe “O Buraco” o vindeiro 19 de xullo no auditorio municipal.

Visitas guiadas

Haberá tamén este verán, visitas guiadas semanais de balde da man dunha guía experta tanto ao Museo do Cabaqueiro como aos muíños do Folón e do Picón.

Para participar nas visitas, as persoas interesadas deberán realizar inscrición previa chamando ao teléfono 618 02 99 16 ou escribindo un correo electrónico ao enderezo visitasguiadas@orosal.gal indicando nome e apelidos das persoas participantes, DNI de todas as persoas asistentes e teléfono de contacto.

Festas do Pilar

Do 24 ao 26 de xullo, rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dunha ampla oferta “grazas como cada ano á colaboración e implicación de todas as asociacións que participan na organización de tres xornadas cheas de propostas para todos os públicos coas que desfrutar das nosas festas tradicionais”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A programación da festa comezará o mércores 24 de xullo coa sexta edición do tradicional Festival Xente Xida. Nesta ocasión, de 20.00 a 01.00 horas o público poderá achegarse á música tradicional da man de BG Paramos, Airiños do Cereixo e Os Terribles Donas acompañados sempre polo Trebón dos Xidos e Xente Xida. A xornada completarase con porco ao espeto, cantina e comida a prezos populares para que o público asistente desfrute da primeira xornada.

O xoves 25, a tarde comezará ás 16.00 horas co torneo de xadrez que dará paso, xa pola tardiña, a unha nova edición do Encontro dos Pobos.

Xa ás 22.00 horas chegará a quenda do prato forte das Festas de Verán do Pilar: o concerto de Fillas de Cassandra coa Agrupación Musical do Rosal. A Agrupación subirá ao escenario con este dúo musical galego. Sobre o escenario, un espectáculo no que o público é partícipe e no que o piano e a percusión están apoiadas en bases electrónicas.

O broche de ouro ás Festas de Verán do Rosal chegará da man dos Netos do Rosal, que encherán de humor e retranca a Praza do Calvario a partir das 21.30 horas. Ao remate, o público poderá gozar da actuación de DJ’s.