Gastronomía

Verán con sabor e máis de 40 premios en Salvaterra de Miño

27 locais de hostalería crean unha guía coas súas propostas culinarias

Hostaleiros na presentación da iniciativa no Concello.   | // FDV

Hostaleiros na presentación da iniciativa no Concello. | // FDV

d. p.

Con motivo da chegada do verán e con el os turistas e visitantes que elixen Salvaterra de Miño como destino e tamén a veciñanza que aproveita a oferta cultural para facer plans de ocio, o Concello de Salvaterra de Miño busca promover e promocionar a variedade de propostas gastronómicas e de lecer do municipio. Así, en colaboración cos locais de hostalaría, vén de anunciar a primeira edición de “Verán con Sabor”, unha guía gastronómica para os meses de xullo, agosto e setembro na que os consumidores poderán entrar no sorteo de importantes premios.

Dentro da guía da que forman parte un total de 27 establecementos, os consumidores poderán descubrir e probar aquelas propostas que ofertan como recomendación e suxestión os establecementos da vila dentro da súa carta. Estas serán propostas que permiten ao consumidor optar por produtos típicos ou recomendados e que aportan información da oferta gastronómica de cada local e que xa forma parte da súa carta ou oferta habitual durante o ano.

O obxectivo é dar a coñecer ese traballo que se fai en cada local de maneira diaria e que probablemente moitas veces descoñecemos ó mesmo tempo que serve como guía para consumidores que buscan propostas diferentes.

A través da páxina web veranconsabor.concellodesalvaterra.com o consumidor poderá coñecer a oferta de cada local que vai dende un almorzo especial, unha tapa recomendación do chef ou un cóctel elaborado, entre outras moitas propostas culinarias.

Pasaporte

“Verán con Sabor” contará tamén cun sorteo de 44 premios ao finalizar a campaña. Aquelas persoas que participen optarán a poder gañar un primeiro premio de 300 euros, un segundo de 200, un terceiro de 100 euros, tres premios de 50 euros e un de 30 euros para gastar nos locais participantes, ademais de 27 premios máis aportados por estes mesmos locais e unha decena de bonos para o Espazo Lúdico Termal de Teáns-Oleiros.

Para participar cada consumidor deberá recoller o seu pasaporte nos locais adheridos, cubrilo cos seus datos persoais e conseguir un total de seis selos, correspondentes a seis propostas culinarias diferentes. Entre todos os pasaportes cubertos e depositados nas urnas dos locais realizarase o sorteo dos premios da campaña.