Lecer

Solpor Monteferro abre o verán en Nigrán

Moita música, gastromía, cine e teatro na axenda cultural de xullo

A contorna na que se celebra o festival Solpor Monteferro é a súa maior cualidade.   | // FDV

A contorna na que se celebra o festival Solpor Monteferro é a súa maior cualidade. | // FDV

D. P.

O Concello de Nigrán mantense fiel aos seus festivais máis senlleiros. Así, recibe o mes de xullo con Solpor Monteferro, o vindeiro venres e sábado; sigue con Cinema a Pedal, do 11 ao 14 de xullo na Foz; Rilla na Rúa, do 24 ao 28 na Alameda da Ramallosa e remata co Nigranjazz, do 25 ao 27 de tamén na Foz (agás o 25 no Malabar-Pénjamo de Patos con jam-session).

Polo medio de todos estes eventos que enchen de actividade o verán de Nigrán, intercálanse novidades como o “Cine no Muíño”, con proxección dunha longametraxe ao aire libre no muíño de Porto do Molle, instalación que a súa vez acolle ata o día 12 de xullo unha exposición sobre apicultura sostible e sobre a cal o Concello estreou o pasado mes, na súa canle de Youtube, un documental no que se fala da rehabilitación e historia desta construción de gran valor histórico e catalogada como Ben de Interese Cultural.

Outra das incorporacións ao programa de verán é o Festival Beach Atlántica de música urbana e electrónica con DJ locais, o 18 de xullo no aparcadoiro de Praia América; “Nigrán Soa a Swing”, o domingo 21 de xullo na Alameda da Ramallosa coa Orquesta de Saxos de Redondela e o teatro de Redrum “2 Pilgrims”, no auditorio o venres 19.

Eventos como o Día dos Avós tamén se celebrará, o venres 26 de xullo, ou a Feira Artesá, os días 27 e 28, e o tradicional encontro de violonchelistas no CEE de Panxón, que culminará cun concerto no auditorio vindeiro xoves ás 21.00 horas.

Os eventos deportivos clásicos do mes de xullo tampouco faltarán á tradicional cita de verán. Estes arrancan cos nadadores de Costa Serena o vindeiro domingo día 7, o torneo de tenis-praia en Panxón o 13 e 14 ou o clásico torneo de veteranos de rugby-praia de Melgachos Vellos Rugbiers.

Pola súa banda, e como é habitual, o Concello colaborará coas festas parroquiais de Santiago e Santa Ana en Parada, o 24 e 25 de xullo, e organizará directamente o 31 de xullo e 1 de agosto (festivo local) a Festa de San Fiz, patrón do municipio. Colabora tamén coas diferentes entidades locais para o concerto de música barroca na Igrexa de Santiago de Parada, o vindeiro mércores; o rastrexo de Camos, o próximo sábado; a sardiñada de Montecastelo, o domingo 14 e o concerto da Coral Novos Aires, o sábado 20.

“Seguimos na mesma liña que os anos anteriores, apostando por diferentes eventos e festivais pensados en todo tipo de públicos e que, de xeito contrastado, sabemos que funcionan e que son moi agardados. Agosto continuará na mesma liña”, explica o alcalde, Juan González.

Toda a programación polo miúdo pódese consultar na páxina web www.nigran.es.