Orgullosas e visibles, vidas “cuir” da bisbarra

Giovanni, no proxecto “Abrirnos en canal para dejarnos ver sangrar”, do artista Dan Grigore.  | // IÑAKI MÉNDEZ

Giovanni, no proxecto “Abrirnos en canal para dejarnos ver sangrar”, do artista Dan Grigore. | // IÑAKI MÉNDEZ

laura porto

O día do Orgullo celébrase cada 28 de xuño dende o ano 1970, en conmemoración do acontecido a madrugada do 28 de xuño de 1969, cando se prendeu no pub neoiorquino Stonewall Inn, frecuentado por persoas LGBTIQA+, a primeira faísca do que hoxe é o movemento polos dereitos LGBT en todo o mundo. Sylvia Rivera e Marsha P. Johnson, mulleres trans, racializadas e migrantes, son algunhas pas persoas que dende entón loitaron pola liberdade de ser e amar fóra da norma cisxénero heterosexual. Grazas a elas, e a moitas outras, ás persoas LGBTIQA+ puideron acadar nos últimos anos cotas de igualdade nunca vistas, malia que continúa a haber no mundo máis de 60 estados nos que a diversidade afectivo-sexual está penada por lei (nalgúns casos con pena de morte) e non hai que saír das nosas fronteiras para obter os arrepiantes datos, ofrecidos este ano pola Federación Estatal LGTBI+, de 57.000 agresións LGBTIfóbicas nos últimos 5 anos.

Giovanni e Francisco reivindícanse como parella non monógama.   | // D.P.

Giovanni e Francisco reivindícanse como parella non monógama. | // D.P. / laura porto

Por iso, queremos retratar hoxe algunhas das vidas LGBT da nosa bisbarra e amosar a través do noso ecosistema humano que a diversidade habita en todas partes. A través das súas voces escoitamos un territorio que mudou substancialmente nos últimos anos, e analizamos a evolución dos aspectos máis delicados cos que as persoas de orientacións e identidades sexoxenéricas non hexemónicas teñen e tiveron que lidar.

Jean Michael e o seu marido agardan formar unha familia en Porriño.   | //D.P.

Jean Michael e o seu marido agardan formar unha familia en Porriño. | //D.P. / laura porto

Acoso escolar

Humberto, como Rianxeira, nun dos seus shows.   | // D.P.

Humberto, como Rianxeira, nun dos seus shows. | // D.P. / laura porto

Lucía Rodríguez, profesora de secundaria de 29 anos, e natural de Redondela, saíu do roupeiro como lesbiana aos 14. “Nunca sabes como vai reaccionar a xente, e daquela estamos a falar de principios do 2000, entón aínda había pouca apertura de miras”. No instituto “se ben había xente que non me trataba mal, outra foi moi chunga. Foi unha época bastante escura da miña vida porque sufrín bullying durante catro anos, e había xente que eu non coñecía de nada que se metía comigo, me insultaba… Sen saber sequera quen era eu! E non só no instituto. Na rúa había grupos de xente perseguíndome, berrándome cousas… Ademais sentíame un pouco soa porque daquela o profesorado… O de saír do roupeiro ou posicionarse a favor dos dereitos LGBT era… Unha fantasía. Eu tiña profesorado abertamente homofóbico pero non profesorado abertamente pro-LGBT. E de ter tido só unha persoa que eu soubese que ía ser un apoio, quizais non tería chupado tanto bullying, porque podería contar cun adulto”. Aínda así, Lucía manifesta que “eu aínda teño que estar agradecida porque, a diferencia doutros, a min nunca me deron unha malleira. A min só me insultaron, só me perseguiron, metéronme en chats para vacilarme ou subiron fotos trucadas da miña cabeza con corpo de home. Non me tocaron nunca. Pero a outros fanlles iso e, ademais, a malleira de rigor”.

Tamén Humberto Longueira, natural de Ponteareas, dinos que “no colexio sufrín insultos de “mariquita”, ou “non vés ao noso grupo porque es mariquita”, pero a verdade é que o levei bastante ben”. A inmensa maioría dos nosos entrevistados, entre os 25 e os 40 anos, manifestan ter sufrido violencia verbal durante a infancia pola súa orientación sexual.

Lucía, que entende que os cativos e cativas non deberían ter que aprender a sobrepoñerse á violencia, traballa dende o seu posto como docente para evitar que outros pasen polo que a súa xeraciónpasou, formando parte activa da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia. “A rede existe dende hai moi pouco, está aberta para todos e todas as docentes que queiran axudar ás persoas LGBT, sobre todo alumnado, a ter un mundo e unha escola máis cómodos. Na páxina web hai un correo no que asociarse. Somos docentes de primaria e secundaria, de ensino regulado ou non regulado, e todos os anos facemos un congreso. Este ano foi o terceiro”, dinos Lucía. “Quero pensar que avanzamos nalgo. É necesaria máis educación sexual e sexo-xenérica, pero xa non para os nenos senón para as súas familias. Porque xa non é que o teu fillo aprenda a respectar a todo o mundo independentemente do que sexa ou de quen sexa, é que tamén tes que poder respectar ao teu fillo, filla ou fille”.

Falta de referentes

A falta de referentes LGBT na infancia é outra cousa que teñen en común moitas das persoas coas que falamos. Francisco de Vicente, que naceu no Brasil e que vive co seu compañeiro en Mondariz dende hai 3 anos, di sobre isto que “a única referencia que tiña na infancia do que era ser gay era un rapaz que estaba a pasar por unha fase de transición. Era un rapaz moi famoso no pobo, un pobo moi pequeniño, e todo o mundo o insultaba. Como todo o mundo dicía que era gay, para min iso era ser gay: vestir saia, ter o cabelo longo e ser case unha muller. Claro, el era... Ela, era trans. Pero eu non tiña outra referencia do que era ser gay. Entón eu de neno pensaba que se iso era ser gay, eu non o era. Entón que era? No instituto e na universidade, conseguín outros referentes. Para os nenos é moi importante ter referentes. É importante que os busquen. Que falen abertamente cos pais, cos amigos, de como se senten, do que lles gusta… e que os pais non priven aos fillos de seguir a referentes, cantantes, actores, actrices… Persoas que teñen voz e cos que eles se identifican”.

Violencia

Francisco e Giovanni, a súa parella, non tiveron a sorte da que fala Lucía. Estaban xuntos na cidade de São Paulo cando unha noite foron vítimas dunha malleira “Había moita xente, coches… Giovanni e máis eu camiñabamos collidos da man. Entón baixou un grupo de rapaces, eran 7, insultándonos. Batéronme na cabeza, caín ao chan, comecei a sangrar, e batían, e batían… E ninguén fixo nada. E iso é moi común. Mudou moito. As trans son as que máis continúan a sufrir. Os homes cis homosexuais estamos na mellor época”. En Mondariz son felices e síntense libres e acollidos pola súa veciñanza. “Síntome moi ben aquí. A xente acolleume moi ben, os veciños… Ás veces escoito á xente dicir que no rural aínda hai moita discriminación, en Galicia, cara nós, pero a verdade é que aquí nunca tiven ese tipo de experiencia e síntome moi libre”, di Francisco.

Diversidade no rural

Jean Michael Millán tamén é un fillo adoptivo da bisbarra. Naceu en en Venezuela e vive en Salvaterra de Miño co seu marido, co que acaba de acadar o seu 12 aniversario. Casaron no Porriño, nunha cerimonia que lembra con moito cariño. “El pediume matrimonio en 2018.”, cóntanos. “Cando comezaron os plans de Europa, un dos puntos fortes foi a liberdade de aquí poder casar e ser libres co noso amor e coa nosa familia, porque é unha familia, o que nós temos. Estudamos xuntos, aquí fixemos un FP. Traballamos no mesmo sector, o sector da pedra. Casamos no Porriño, nunha cerimonia espectacular, coas nosas amizades.”

Vivir no rural é algo do que disfrutan, e non perciben discriminación no seu día a día. Giovanni Peixoto, artista brasileiro afincado en Mondariz dende 2021, dinos que se sinte “un máis, non vexo ningún tipo de distinción polo que fago na miña vida íntima. Polo menos non que me teña dado conta. E nunca ningún insulto, sempre me quixeron moitísmo. O dono da nosa casa ten 81 anos e trátanos normalmente. Síntome moi a gusto en Galicia porque eu son unha persoa coma calquera outra, e a miña identidade sexual ou afectiva non condiciona como vou ser tratado. Aquí síntome moi libre. E estou moi agradecido de sentirme unha persoa normal”.

Jean Michael dinos sobre Salvaterra de Miño que “ é moi bonito, moi tranquilo e moi receptivo connosco. Gústanos o rural. O lugar que máis nos gusta é Porriño, porque ten todo e non está conxestionada como Vigo. Ten saúde, ten ocio, ten industria, bo transporte… Por iso a miña meta agora é mudarme a Porriño ou o máis perto posible”.

Ámbito laboral

Unha das cousas que máis sorprendeu a Jean Michael foi a apertura e acollemento no sector no que traballa, o da pedra, tradicionalmente masculinizado: “Pénsase que é un ambiente moi machista, pero a verdade é que non, é coma calquera outra empresa. Son moi abertos ao tema LGBT. Meu xefe, de feito, un día díxome: “ti pensas que eu son parvo? eu sei que ti tes unha parella, que é o home co que vives, e eu non sei por que pensas que ninguén o sabe, todo o mundo sabe que es gay. Esa barreira estás a creala ti. A xente pensa que somos pechados e brutos, pero non creas que porque somos do rural non sabemos de ti. Non pasa nada, cadaquen fai a súa vida.” El sacoume do roupeiro, basicamente. Foi agradable. El abriu a porta e despois eu fun moito máis libre.”

Outros como Humberto, si que sufriron discriminación laboral pola súa orientación sexual. “Agora xa non me pasa, pero ao principio, nalgún pobo no que me chamaron para contratarme, cando souberon que era gay dixéronme “non, non veñas actuar”, sen motivo algún. Pero a día de hoxe non me afecta”, di.

Lucía, que percorre Galicia co seu traballo, dinos que “son profesora substituta e cada vez que chego a un centro novo teño que respirar profundo porque non sei que clase de persoas me vou atopar. Estou moi cansa de facer “masking”, así que procuro ser aberta e natural; pero ese simple feito pódeme custar o meu benestar no ámbito laboral. Fun tendo sorte, ata o de agora; pero sei de quen non tivo tanta.”

Novos retos

As persoas LGBT gozan, hoxe, dunha liberdade indubidablemente maior á de hai 20 anos. Aínda así, Francisco dinos que “a xente acepta moi ben, en xeral, o feito de que poida haber parellas non heterosexuais. Pero algo que a xente en xeral aínda non superou é que certas parellas non sexan monógamas. Eu por exemplo estou casado, pero temos unha relación aberta. E penso que a xente que non comparte esta filosofía pensan que somos uns pervertidos, que temos menos valor. É coma se quixeran que nós nos situaramos dentro do caixón (de novo) da normativa. E a normativa da sociedade é ter unha relación estable cunha persoa, e punto. Hai moita xente que aparenta ser monogámica e non o é, e fano dende o lugar da traizón ou dende a ocultación”

Giovanni di que para mellorar “temos que amar e aceptar. E que cadaquen coide da súa vida, porque se cadaquen coida da súa vida, seremos todos máis felices. O ideal sería que non necesitaramos a loita, pero mentres haxa xente sufrindo, xente morrendo por ser LGBT, hai que existir para resistir, e loitar para que a diversidade estea integrada dun xeito normal na sociedade”.

Lucía destaca que “se ben é certo que se abriu un pouco a mente respecto da cuestión “xénero”, segue a haber prexuízos de cara ás persoas non normativas (en calquera sentido) e segue a haber xente moi cuadriculada. Se ben percibo menos odio nos centros do rural no que á sexualidade se refire, iso non quere dicir que desaparecesen o bullying e os prexuízos. “Maricón” segue a ser a palabra que primeiro sae da boca cando insultan a alguén.”

Jean Michael síntese no momento de ter un fillo co seu marido, pero “teño o temor de ser unha parella homosexual… E eu non sei como será. Non me rodeo de pais nin de nenos, e non teño a experiencia para poder dicir se no colexio van ser abertos ou non. E non quero facerlle dano ao meu fillo, que o discriminen na escola polos seus pais… Pero iso non me quita o desexo de ter un bebé e darlle a miña mocidade, e a mellor educación, e todo o amor que poida”.

Humberto, que tamén pensou en ser pai nalgún momento, quere enviar aos menores LGBTIQA+ a mensaxe de que é importante “que non teñan medo, que o peor medo é non ser quen realmente es”. Para Giovanni, tamén é importante que a rapazada non se xulgue. “Eu xulgueime moitísimo durante un tempo, e non podemos loitar contra nós mesmos. Temos que aceptarnos para poder vivir na sociedade”, dinos.

A homosexualidade foi considerada unha doenza pola OMS ata o ano 1990. Dende a súa despatoloxización, as persoas LGBTIQA+ puideron saír da marxinalidade, e levar vidas cada vez máis felices e integradas. “Queda moito por facer, a transexualidade aínda non foi totalmente despatoloxizada”, dinos Lucía. “Cada avance para o colectivo foi o resultado de anos de loita social, encabezada por quenes puxeron o corpo e, ás veces, a vida, para que as todas as persoas do noso tempo foran máis libres. Porque todo o mundo se beneficia do avance en dereitos sociais, non só as persoas diversas”. Hoxe, continuar a visibilizar e defender os dereitos das persoas LGBTIQA+ é imperativo, porque como di Giovanni, “hai que existir para resistir”.