Verán

O cámping de Maceira abre as portas á natureza

Parcelas para tendas de campaña, bungalows, espazo para caravanas, piscina, restaurante, pistas deportivas e xogos ao carón da praia fluvial

Instalacións do cámping municipal de Maceira, no Concello de Covelo.   | // FDV

Instalacións do cámping municipal de Maceira, no Concello de Covelo. | // FDV

D. P.

O cámping de montaña de primeira categoría de Maceira xa ten as súas portas abertas a todas as persoas que queiran gozar da natureza, da tranquilidade e dos servizos que ofrece nas súas instalacións.

Río Tea, en Maceira

Río Tea, en Maceira / FDV

Este cámping municipal dispón dunha quincena de bungalows, espazo para caravanas e furgonetas e 28 parcelas de distintos tamaños para tendas de campaña. No cámping son ben recibidas tamén as mascotas e todas as persoas usuarias dispoñen de auga quente non só nas duchas, tamén para lavar a louza ou asear a súa mascota.

Localizado ao carón da praia fluvial de Maceira xunto ao río Tea e afluentes, pódense atopar rutas de sendeirismo a poucos metros, o que fai deste cámping un destino para aqueles que procuran rodearse de natureza.

Dende o primeiro día deste mes de xuño o cámping entra en pleno rendemento e ofrece aos campistas múltiples servizos como as novas pistas deportivas que veñen de remodelar e nas que se pode practicar baloncesto, fútbol 3 ou pickleball, entre outros deportes. As persoas que aposten por unhas vacacións no cámping de Maceira tamén poderán gozar da piscina, do jacuzzi, do servizo de lavandería, do aluguer de bicicletas eléctricas ou táboas de paddle surf así como facer uso do punto de carga eléctrica para coches.

Para clientes e público en xeral dispoñen de servizo de cafetería e restaurante. Ademais, para o resto das persoas que gozan da praia fluvial teñen un chiringuito e aluguer de flotadores.

As persoas interesadas en realizar algunha reserva poden dirixirse ao enderezo de correo electrónico info@campingmaceira.com.