Cultura

Música en directo e cine no verán tudense

O Guilla Folk abre a vindeira fin de semana a programación do mes de xullo

d. p.

Tui prepárase para vivir un verán na rúa gozando dos diferentes eventos culturais e de lecer que se van celebrar tanto no centro urbano coma nas distintas parroquias que brindarán música en directo, danza, cinema, concursos, gastronomía e moito máis con propostas novidosas e outras que contan con gran tradición.

O programa “Tui, verán na rúa” comeza no mes de xullo en Guillarei, no torreiro das festas, co Guilla Folk organizado pola Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei. O vindeiro venres 5, a partir das 22.00 horas, celebrarase o VII Festival Folclórico co grupo Eramos Hernández de Gran Canaria xunto aos organizadores. O sábado 6 será a quenda do IX Festival de Bandas de Gaitas coa actuación das bandas de gaitas Lembranzas da Terra e A Insua de Caldelas, amais da actuación de Donicelas e Storrentos.

A música tradicional será de novo protagonista a seguinte fin de semana, o 13 e 14 de xullo, co Festival da cultura tradicional e Folk. O sábado terá lugar na Praza de San Fernando o IX Certame de Gaita e Tamboril, haberá unha mostra-conferencia sobre o traxe galego a cargo do grupo etnográfico Traxandaina e pecharase co concerto do grupo Ardentía. E o domingo, no Paseo da Corredoira, celebrarase o IX Día da Muiñeira.

Do 17 ao 21 de xullo celebrarase na Eurocidade Tui-Valença o IKFEM Festival que baixo o lema “Somos Ponte brindará” concertos únicos enchendo este territorio transfronteirizo de creatividade.

O Paseo Fluvial de Tui volverá converterse nunha gran sala de cinema ao aire libre con tres proxeccións gratuítas para todos os públicos. Será “O pequeno Nicolás” o venres 12 de xullo, “A viaxe de Ernest e Celestine” o venres 26 de xullo e “Salta” o venres 9 de agosto.

A programación do mes de xullo pecharase o día 30 no Parque do Laxal en Rebordáns cunha nova edición da Noite Internacional do Miño, na que este ano actuarán grupos de Bosnia Herzegovina, Uruguai, Chile e Italia.