Arbo recibe a visita dunha blogueira xaponesa

turismo

y O alcalde acompáñaa nunha ruta para coñecer o municipio

D. P.

Arbo sigue promocionando o seus encantos a nivel internacional. Así, o alcalde Horacio Gil deu a benvida a unha blogueira xaponesa, Eriko Nagata, experta en gastronomía e coñecedora dos viños D.O Rias Baixas, que se interesou por coñecer a vila.

O rexedor acompañouna nunha visita pola historia, tradición e patrimonio do municipio. Así, estivo no Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea, en Finca Moreira – adega Marqués de Vizhoja, nas pesqueiras dos Cregos, na ponte románica de San Xoán e no Museo Arabo.

Nesta mesma liña, en 2018 Arbo recibira tamén a unha xornalista procedente da China e fai apenas unhas semanas a Margaret Docker, bióloga de Canadá que publicou nas súas redes sociais a “fascinación por Arbo, a pesca e a lamprea”.

“É para nós un pracer e un orgullo inmenso recibir a visita destas persoas, chegadas dende tan lonxe, que se interesan pola nosa historia e tradición e se desprazan ata aquí para coñecer de primeira man todo o noso patrimonio, material e inmaterial, e degustar os nosos produtos estrelas, a lamprea e os viños das adegas arbenses”, sinalou o alcalde.