Cultura

Encaixe, deporte e animación para festexar a Rosa de Mos

Xuntanza de palilleiras e fútbol feminino, hoxe y Mañá, clown e malabares e xogo de escapismo

Arriba, centos de familias desfrutaron do VIII Festival infantil Canto Conto. Abaixo, concerto de Francisco Castro acompañado da Banda dos Borges.   | // FDV

Arriba, centos de familias desfrutaron do VIII Festival infantil Canto Conto. Abaixo, concerto de Francisco Castro acompañado da Banda dos Borges. | // FDV

D. P.

Unha fin de semana chea de actividades ten organizada o Concello de Mos. Logo do día grande da Festa da Rosa, que este 13 de xuño conmemorou a súa 51 edición, continúan ao longo de todo mes, como vén sendo habitual, a programación cultural organizada para celebrar a festividade máis emblemática deste municipio da Louriña.

Encaixe, deporte e animación para festexar a Rosa de Mos

Encaixe, deporte e animación para festexar a Rosa de Mos / D. P.

O I Torneo Feminino Club Louro Tameiga “As Rosas”, no campo de fútbol de Coto Torrón, e a XVI Xuntanza de palilleiras e labores centran os actos de hoxe sábado. Este último, que se celebra no Pazo de Mos, escenario central este ano dos actos da Festa da Rosa, reúne, dende ás 10.30 e ata as 19.00 horas, a preto de medio milleiro de persoas a palillar; ademais, haberá un mercado artesanal ao longo de toda a xornada, actuará Antía Caride e ás 17.30 horas terá lugar o desfile cos traballos das palilleiras de Mos .

Mañá domingo, as actividades comezarán pola mañá coa celebración do xogo de escapismo, previsto para o pasado sábado e que tivo que ser adiado por mor das condicións climatolóxicas adversas. Nesta actividade, as persoas participantes, descubrirán todo o que rodea á Festa da Rosa a través do desafío “Eureka Reto Rural”, un programa de EuRural e do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño mediante o que se están a realizar xogos de escapismo temáticos, dixitais e ao aire libre no territorio. O escape room partirá ás 11.00 horas do Pazo de Mos nunha ruta circular de dificultade moderada e accesible. As persoas que desexen participar deben inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Ademais de poder realizarse mañá, o xogo permanecerá aberto e accesible para o público durante un mes a través da web anteriormente mencionada para que calquera persoa poida desfrutar da experiencia.

O equipo que consiga superar a proba no menor tempo posible gañará unha visita e experiencia no taller de orfebrería Areladefe, en Oia. Ademais, entre todas as persoas participantes o Concello de Mos sorteará seis lotes valorados en 150 euros de produtos naturais de Luffadermm, un proxecto dos centros EVD Galicia.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, chegará o humor da man de Isla LeTriska, “circo rebelde e refinado ao estilo dos grandes pallasos arxentinos”. Isla Le Triska presenta en Mos un delirante espectáculo no cal combina disciplinas de Novo Circo e clown con excentricidades e xogos co público.

Tamén ao longo desta fin de semana celébranse as probas nacionais de hípica, no Club Hípico Alazán.

A programación continuará o vindeiro sábado 22, cando terá lugar, ao longo de toda a xornada no Pazo de Mos, a Festa da Hostalaría BaresMos na que se conmemora a terceira Xuntanza Gastronómica e a sétima edición do Trofeo de patinaxe Vila da Rosa, no pavillón Óscar Pereiro, que se prolongará tamén ao domingo 23. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, celebrarase o primeiro Torneo da Festa da Rosa e décimo aniversario do Xadrez Mos, no Multiusos das Pozas.

Xa para rematar este mes festivo, para a última fin de semana están programados, o sábado 29, o Festival de baile Patricia Martínez, ás 19.30 horas no Multiusos das Pozas, e a actividade de vista de estrelas “Os segredos da noite, iniciación ao ceo nocturno”, ás 22.00 horas en Pedrapinta; e o domingo dia 30, o Festival de habaneras Asomamos, ás 19.00 horas no auditorio de Torroso.