Cultura

Deporte, música, teatro, cine e tradición no verán cañicense

Hoxe celébrase o II Gran Premio de Pump Track y Son máis de 40 actos en cantro meses

O equipo de goberno local presentou a programación do Verán de Lecer A Cañiza 2024.   | // FDV

O equipo de goberno local presentou a programación do Verán de Lecer A Cañiza 2024. | // FDV

d. p.

“Un gran abano de actos e actividades que temos o pracer de presentar, tras varios meses de traballo nos que seleccionamos os mellores espectáculos, actuacións e eventos culturais e deportivos que queremos compartir cos nosos veciños e visitantes para gozar dos días de verán que nos agardan”. Así, presentou o alcalde da Cañiza, Luís Piña a programación cultural para os vindeiros meses.

Hoxe dispútase o II Gran Premio de Pump Track.   | // FDV

Hoxe dispútase o II Gran Premio de Pump Track. | // FDV / d. p.

O calendario estreouse o primeiro día deste mes coa celebración do Campionato Galego de Aeromodelismo, na modalidade de F3F. Un evento deportivo organizado polo Club Vuelo a Vela Fontefría, aberto a todas as persoas que queiran gozar dos planeadores sen motor e que marca o inicio do verán na Cañiza.

O 14 de xullo será a procesión do Cristo da Agonía.   | // ANXO GUTIÉRREZ .

O 14 de xullo será a procesión do Cristo da Agonía. | // ANXO GUTIÉRREZ . / d. p.

As actividades continúan precisamente hoxe con outro evento deportivo, o II Gran Premio Concello da Cañiza de Pump Track, unha disciplina recentemente estreada na capital da Paradanta trala apertura das pistas de Skatepart e pum-track da rúa Silleda. De 09.00 a 10.00 horas serán os adestramentos e a competición levarase a cabo entre as 10.00 e as 13.00 horas.

Na modalidade deportiva súmanse andainas, paintball, exhibicións das escolas de patinaxe da Cañiza e de Valeixe, torneos de fútbol e de balonmán, exhibición de taekwondo, rutas en bicicleta, máis aeromodelismo, xuntanzas moteiras e ciclismo BTT.

58 Feira do Xamón

Estes eventos deportivos combinaranse con moita música, os concertos máis próximos serán o do alumnado da Escola de Música, o vindeiro venres ás 20.00 horas, e o do Cuarteto Novecento, o sábado seguinte a mesma hora na igrexa de Valeixe. Tampouco faltarán proxeccións de películas ao aire libre, karaokes, exposicións de pintura e escultura, correbares e festivais folclóricos, festas infantís, batallas de RAP (pelexa de Galos), noites de humor, maxia, circo aéreo e teatro para todos os públicos. Sen esquecer actos tradicionais como a Procesión do Santísimo Cristo da Agonía da Cañiza o 2º domingo de xullo e a Sardiñada popular do 18 de agosto na Carballeira do Cacharado, onde uns días antes terá lugar a Feira do Xamón.

Son máis de 70 eventos que encherán días e noites ata alcanzar o seu momento álxido coa celebración desta cita gastronómica que este ano chega a súa 58 edición Esa xornada de xoves A Cañiza volverá desfrutar da súa festa máis coñecida e do Concurso Nacional de cortadores de xamón. Para esta ocasión, dende o Concello aseguran “confeccionar un programa de festas á altura deste evento no que se fusiona todo tipo de música e espectáculos para todos os públicos, e no que tamén destaca a celebración do obradoiro de xamón xigante o martes 13 de agosto e a Máster Class de corte de xamón e cata de viños o mércores 14 de agosto”.

Clubs e asociacións

Por outra banda, durante o acto de presentación do Verán de Lecer A Cañiza 2024, no que o alcalde estivo acompañado polos concelleiros do equipo de goberno, sinalaron que tamén “quixemos incluír eventos importantes para o noso municipio que, aínda que non os organiza o Concello, si que consideramos que debemos promocionar pola súa repercusión e tamén polo esforzo dos homes e mulleres organizadores que durante todo o ano traballan para ofrecer o mellor de cada club e asociación”.

Este é o caso do entroido de verán organizado polo Balonmán Cañiza, da Festa do Cristo da Agonía, da Celebración do Curro do Pedroso, das exhibicións dos equipos de Patinaxe de Valeixe e da Cañiza, dos Campus deportivos do CF Cañiza e do balonmán e como novidade este ano a organización, por parte da Comisión de Festas de Oroso, dun campionato de Fútbol baixo o lema “Pachanga na Rúa” que está inspirado no xogo da Play Station “Fifa Street”.