Música

O pianista Alejo Amoedo, académico numerario electo

O redondelán vén de ingresar na Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) como académico numerario electo na sección de música

Momento do acto de ingreso.   | // D.P.

Momento do acto de ingreso. | // D.P. / D.P.

D.P.

O acto de ingreso celebrouse no Conservatorio Superior de Música de Vigo, coa asistencia da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, como representantes do seu concello de orixe.

O pianista Alejo Amoedo é un músico comprometido coa música e os músicos de Galicia, nunha tripla vertente: como intérprete, estreando, gravando e promovendo composicións; como coleccionista, pois posúe unha ampla representación de documentos, partituras, libros e fotos, tanto editadas coma orixinais; e como estudoso das obras e autores/as que teñen como referencia a Galicia.

É doutor pola Universitat Politècnica de Valencia e está especializado no repertorio de compositores/as galegos/as. Así mesmo, foi pianista acompañante nos conservatorios profesionais de Pontevedra e Vigo; na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo de Porto (Portugal); e na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago de Compostela. Na actualidade pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

É un dos integrantes do colectivo cultural Pertenza, asesor da Fundación Reveriano Soutullo Otero e membro fundador da Irmandade da Música Galega, que ten como obxectivo a preservación e divulgación da música galega. Tamén foi elixido membro electivo do Plenario do Consello da Cultura Galega e nomeado vogal da súa Comisión Executiva, así como coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia.