Nadal

O Pequeno Circo de Nadal volve a Salceda de Caselas

Os elfos do Nadal visitan o municipio por quinto ano consecutivo

A rondalla de Pontellas recibe ás festas na Praza do Concello   | // D.P.

A rondalla de Pontellas recibe ás festas na Praza do Concello | // D.P. / d.p. [

d.p. [

O Nadal de Salceda de Caselas comezou onte coa presentación do libro “El correveidile”, de Begoña Gil, un thriller de infarto ambientado en Vigo que anticipa a emoción e a vertixe das festas por chegar.

A próxima actividade programada é a de hoxe ás 19:00 coa audición de Nadal da Escola de música de Salceda, perfecta para amansar os ánimos logo da tarde de thriller.

Cunha programación que aposta pola música, poderán tamén asistir ás 18:00 de mañá día 17 ao festival de panxoliñas, coa actuación das corais polifónicas de San Blas de Budiño, Santa María de Salceda, e Entenza. O concerto da Banda Cultural de Salceda de Caselas será o día 23 ás 20:00, sempre no Auditorio Municipal, que acollerá este ano boa parte das actividades organizadas para celebrar estas festas.

Non hai Nadal sen Papá Noel, e por iso, antes de visitar as casas de toda a cativada, o ser máxico do Polo Norte percorrerá a vila cos seus axudantes moteiros o día 23 a partir das 15:30.

Para preparar os doces que hai que deixar nos calcetíns, será unha boa idea pasar polo obradoiro de galletas de Nadal que terá lugar na Praza do Concello o día 22 ehtre as 16:30 e as 19:30.

Logo do paso do pai do Norte, o día 26, comeza a grande atracción do Nadal de Salceda de Caselas: o pequeno circo de Nadal, que visita o municipio por quinto ano. O día 26 serán protagonistas os elfos do Nadal, que a partir das 11 da mañá encherán de vida a vila cun Flashtop, obradoiro de bolachas de xenxibre (ás 16:00 na carpa do circo) e unha sucesión de espectáculos nos que, a partir das 17:00 participarán Cé Orquestra Pantasma e os auténticos elfos do Polo Norte.

O día 27, a partir das 11:00 na Aldea Musical de Nadal haberá mercadiño, pasatabernas e animación de rúa, e a partir da apertura da carpa ás 16:00, un obradorio de panxoliñas e karaoke. Será ás 17:00 cando “Caxoto: o Apalpador” visite o municipio para atender a toda a cativada, para continuar ás 18:00 cun espectáculo de ritmo participativo arredor das panxoliñas internacionais.

O xoves 28 ás 12:00, a artista franco-italiana Fabiana Gastaldello será a ancargada de liderar o contacontos “Pinocho descubre o Nadal”. A partir das 16:00 Viravolta Títeres ofrecerá na carpa un obradoiro de monicreques de papel e, a partir das 18:00, o espectáculo “O galo kiriko”, con títeres tradicionais e monicreques con música en directo.

O venres 29 ás 12:00, os cántabros Hilo Producciones ofrecerán o contacontos “Calista especialista”.

Serán “Uxía lambona e a banda molona” os encargados de clausurar o pequeno circo de nadal deste ano, ofrecendo un concerto de rock infantil ás 18:00.

Á noitiña do mesmo día, a XI San Silvestre Solidaria percorrerá o municipio ás 21:30. E como guinda do mes de decembro, o V encontro de ranchos tradicionais encherá a praza do Concello o 30 de decembro ás 16:00.