Entrecortiñas pecha o ciclo sobre Win Wenders mañá

Proxectarase no Auditorio a película “Tan lonxe, tan preto!”

O Cineclube Entrecortiñas pechará o ciclo adicado a Wim Wenders mañá coa proxección, no Auditorio municipal, da película “Tan lonxe, tan preto!”, estreada en 1993e que poderá proxectarse grazas á colaboración que o cineclube da Illa ten co Insitituto Goethe de Madrid.

Esta secuela de “O ceo sobre Berlín” de Wenders segue de novo a un grupo de anxos que observan ansiosamente a vida dos humanos. Feita seis anos despois, o Berlín da secuela é un lugar moi diferente: unificado no seu nome pero invadido polo crime, a corrupción e, como tema clave, polos estadounidenses. A película, que conta con actores como Otto Sander, Bruno Ganz, Nastassja Kinski o Peter Falk, foi gañadora do Gran Premio de Cannes.

O cineclube fará unha paréntese nas súas actividades durante o verán nos meses de xullo e agosto, aínda que está prevista unha colaboración sorpresa xusto no mes de agosto. A asociación está moi contenta co desenvolvemento do cineclube e coa acollida que están a ter as proxeccións.