Dena vibra coa música de raíz

Xosé Lois Romero e Aliboria amosan as múltiples posibilidades sonoras do folk galego

A formación, durante o seu concerto en Dena.  | // TINO HERMIDA

A formación, durante o seu concerto en Dena. | // TINO HERMIDA / Tino Hermida

Tino Hermida

Ao redor de dous centos de amantes do folk galego citáronse en Dena para gozar do concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria. Facíano na noite do xoves, nuna cita celebrada na Praza Ponte-Dena ao carón da estrada PO-550, onde a percusión e as voces desta formación fixeron gozar e bailar ao público.

De feito, un grupo de danzantes de varias asociacións da zona, que adoitan citarse de xeito improvisado para este tipo de eventos, non pararon de bailar en roda durante todo o concerto. “Isto é pilates enxebre”, comentaba con sorna unha das danzantes, que suaba o seu despois dunha hora de baile incesante ata acabar o espectáculo.

Xosé Lois Romero e Aliboria, formación integrada por seis voces femininas e catro instrumentistas viraban o concerto en torno a “Latexo”, traballo publicado en 2020, no que a formación casa o folk galego co tribal e o ritual. Así soaron, entre outras “Olvídame”, no honra á formación Leilía, que anuncia o seu adeus, o “María, María” do brasileiro Milton Nascimento ou “La leyenda del tiempo” de Camarón de la Isla, versionada desde códigos da música tradicional galega.

Todos eles, temas acompañados unicamente pola percusión, ao que mesmo sumaban o golpear das vocalistas, amparadas nun dobre micrófono para facer oir a súa voz. Porque, ademais dos tambores, bombos, pandeiros e pandeiretas, as voces axudábanse da percusión en aixadas que facían soar con pedras, tixolas, tarrañolas, as míticas caixas de pementón, ou o charrasco que facía soar Xosé Lois Romero.

O concerto chegaba a Dena de mans da Deputación de Pontevedra e o seu programa Musigal-2023. Para a súa produción, o Concello de Meaño destinou un presuposto de 8.591 euros, que lle supoñía ter que aportar escenario, iluminación, son e equipamento técnico para facer realidade o espectáculo.

Xosé Lois Romero e Aliboria ten no seu haber a participación en grandes festivais como os de Ortigueira ou o Intercéltico do Morrazo, chegando a súa música a grandes cidades españolas. A máis diso, os seus membros compartiron xiras con bandas como Vetusta Morla ou Baiuca.

A programación musical meañesa de verán complétase mañá domingo coa actuación do grupo de gaitas e danza da cultural Penaguda, máis os Danzantes de Arcos de Cobas. Será na parroquia de Padrenda ás 20.00 horas no adro da igrexa parroquial.

Estes espectáculos son unha magnífica oportunidade para achegarse á música galega de raíz, ao tempo que se disfruta do tempo agradable do solpor arousano.

Suscríbete para seguir leyendo