Especial 170 aniversario

Un espello onde mirarme

teijeiro

teijeiro

Escritor. Premio Nacional de Literatura Infantil

FARO DE VIGO cumpre 170 anos. Que marabilla! O decano da prensa nacional cumpre anos pero non se fai vello. Nin antigo. Nin falto de vitalidade: todo o contrario. FARO preséntase hoxe cun rostro rexuvenecido, cun andar dinámico e aberto aos tempos (por outra banda, complicados) que corren. O xornal está en constante evolución tanto tecnoloxicamente como de contidos. A miña vida non se pode entender sen o FARO DE VIGO. FARO é un espello onde levo mirándome dende hai moitísimos anos. Eu fun medrando co FARO no brazo e na memoria. Grazas a el, coñecín Vigo a fondo, acadei seguridade na lectura de xornais e axudoume a comprender moito mellor aquilo que me rodeaba. O meu punto de vista crítico, en tantos temas, naceu da lectura deste periódico asociado á miña familia dende ben pequecho. Sendo un cativo ía á tenda de calzado do meu avó materno, na Praza da Igrexa, e alí, sobre o mostrador, estaba o FARO, daquela cun formato máis amplo ca o actual (ou así o lembro eu) e eu botáballe unha ollada cando o avó Manuel remataba de lelo.

Unha das estampas, que nunca esquecerei, é a do meu pai Antonio lendo o FARO na cama, despois de almorzar o seu café con leite con pan nunha bandeixa. Máis dunha vez, deiteime onda el mentres o lía e eu puña os ollos nos titulares do día. Moi tenro.

Dediqueime ao ensino, pero sempre tiven inquedanzas xornalísticas. Así que, nunha época, decidín facer xornais para min (cun número único) seguindo (como non!) o estilo e a maquetación do FARO DE VIGO. Que “director” tan importante me sentía!

Merquei moitos xornais ao longo dos anos. Algúns deixaron de interesarme e non volvín a eles; outros, por desgraza, foron desaparecendo. Pero o FARO continuou á miña beira, día tras día, coma ese salvavidas que tiña á man diante de calquera contrariedade.

A finais dos anos setenta do século pasado, meu pai, que coñecía a Álvaro Cunqueiro, levoulle un monllo de folios que eu escribira ao longo do tempo. Cando o visitei no seu domicilio de Marqués de Valladares, agasalloume un texto marabilloso no que me animaba a escribir porque “escribe claro, con un idioma más que aceptable, que para sí quisieran muchos profesionales. La claridad solamente se consigue si se tienen las ideas claras. Y las tiene”. A emoción púñame a pel de galiña. Coas bágoas a piques de asomar, lin feliz as palabras do mestre afirmando que “la lectura de los textos dedicados a León Felipe, Hesse o a Camus, están muy bien, entre otras, y estas últimas revelan un fino espíritu crítico. Ha sabido leer, y esto es muy bueno. Es como saber escuchar”. E moitas máis cousas que me apuxaron a emprender o camiño da escrita.

Tras esta visita, don Álvaro animoume a publicar no xornal. Facilitoumo nun xesto moi xeneroso. E en 1979 apareceron as miñas primeiras liñas no FARO DE VIGO. Eu non daba creto. Parecíame imposible. Escribín sobre literatura galega, o sentimento galego e a carta a Herman Hesse, que tanto lle gustara.

Eu amei decote a literatura e preocupábame que o público infantil e adolescente vivise de costas a el

Antonio García Teijeiro

— Escritor

Eu amei decote a literatura e preocupábame que o público infantil e adolescente vivise de costas a ela. Daquela, comecei, grazas a Xosé Antonio Perozo, que o coordinaba, a escribir no suplemento de Educación A Pizarra, sobre lectura, facendo reseñas de libros e artigos de opinión. Eran os anos 1985 e 1986. A felicidade foi indescritible, sobre todo, cando entrei no consello de redacción do suplemento xunto a Antón Costa, Modesto Hermida, Vázquez Freire e Manuel Bragado. Ao tempo, Perozo abriume a porta doutro suplemento: Artes e Letras. E nel escribín sobre Strindberg, Bergamín, Lorca e a revista Hora de España, Miguel Hernández ou Gabriel Celaya, entre moitos outros. Eu vivía nunha nube. Dalgún xeito acadara o meu soño.

FARO DE VIGO regaloume algo vital na miña existencia: a amizade con Rafael Alberti e María Asunción Mateo e coñecer a Dámaso Alonso. No ano 1985, en abril, escribira unha reseña sobre o libro Rafael Alberti para niños escrito por MªAsunción. Oito meses despois, en decembro, recibo unha chamada da escritora, quen me di que a Rafael lle encantara e quería coñecerme. Non o podía crer. Como chegou a eles? A maxia do FARO, sen dúbida.Chorei de emoción. A primeiros de xaneiro marchamos Susi e mais eu a Madrid e alí, grazas á xenerosidade de MªAsunción, principiou unha amizade ata a morte do poeta. Nesa viaxe, visitamos a Dámaso Alonso e linlle ao mestre nun folio o meu artigo que sairía unhas semanas despois en FARO e que titulei:Unha poesía chea de relixiosidade social. Esta experiencia literario-vital recollina nun artigo en Artes e Letras titulado: Una emocionante velada entre Alberti y Dámaso (1986).

Cantas vivencias podería seguir contando, pero o espazo avísame. Está moi claro que o FARO DE VIGO axudou a cambiar a miña vida. Estoulle eternamente agradecido.

E mentres me miro nese espello, só me queda dicir: “Por 170 anos máis”. Parabéns.