‘Libro das colunas’ recompila a obra xornalística de Luísa Villalta en ‘A Nosa Terra’

O libro recolle artigos de variadas temáticas publicados entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 marzo de 2004, tan só dous días antes da súa tráxica perda

As Letras Galegas viaxan en tren. A imaxe de Luísa Villalta amosarase nos repousacabezas dos trens de alta velocidade que realizan traxectos de Media Distancia e Avant entre A Coruña, Santiago e Ourense; e entre Vigo, Santiago e A Coruña. Ademais, Renfe exporá nas estacións os carteis gañadores do Concurso das Letras Galegas 2024, correspondente á categoría de Educación secundaria. Na imaxe, Susana Villalta e María Gómez, irmán e nai de Luísa Villalta, onte na Coruña co secretario xeral da Lingua, Valentín García (esq.) e os xerentes da área de Servizo Público de Renfe en Galicia, Alberto Martínez e Moisés Durán. | FDV

As Letras Galegas viaxan en tren. A imaxe de Luísa Villalta amosarase nos repousacabezas dos trens de alta velocidade que realizan traxectos de Media Distancia e Avant entre A Coruña, Santiago e Ourense; e entre Vigo, Santiago e A Coruña. Ademais, Renfe exporá nas estacións os carteis gañadores do Concurso das Letras Galegas 2024, correspondente á categoría de Educación secundaria. Na imaxe, Susana Villalta e María Gómez, irmán e nai de Luísa Villalta, onte na Coruña co secretario xeral da Lingua, Valentín García (esq.) e os xerentes da área de Servizo Público de Renfe en Galicia, Alberto Martínez e Moisés Durán. | FDV / Redacción

Redacción

Galaxia anunciou onte a publicación de “Libro das colunas”, unha recompilación ao coidado de Xosé Enrique Acuña onde se recolle a obra xornalística publicada por Luísa Villalta no semanario “A Nosa Terra” entre o 4 de xaneiro de 2002 e o 4 marzo de 2004, tan só dous días antes da súa tráxica perda. Con esta publicación Editorial Galaxia pon o ramo final nesta primeira proposta arredor das Letras Galegas.

Son artigos de variadas temáticas, mais en todos eles están presentes as liñas de forza que percorren toda a súa obra dende o compromiso coa lingua e a cultura galega, a militancia cidadá, a denuncia social e a loita contra a indulxencia e a conivencia co poder establecido.

Recentemente, Galaxia publicou tamén, na colección Literaria, “Narrativa reunida”, que recolle a obra narrativa que publicou en vida. O volume está conformado polo libro de relatos “Silencio, ensaiamos” (1991), un variado conxunto de once narracións nas que xa destacan algunhas das temáticas máis queridas da autora, como a música, o valor da palabra e o paso do tempo.

Tamén pola novela “Teoría de xogos” (1997), unha obra alegórica na que constrúe a existencia como xogo, e onde os cinco protagonistas da historia transitan coma monicreques manexados pola man do azar nunha engrenaxe narrativa fonda e reflexiva.

E finalmente a novela histórica “As chaves do tempo” (2001), que recrea unha Galicia mítica gobernada polo rei Artur baixo o consello do mago Merlín, e na que se presenta o dilema da sucesión do monarca entre os seus herdeiros.