Entrevista | Xosé A. Touriñan Actor protagonista de “+Cuñados”, película que chega hoxe ás salas

“En Galicia, apóstase pouco pola comedia no cinema, valórase menos na profesión”

“É máis difícil facer rir que chorar, vémolo todos os días nas noticias”, sinala o protagonista de “+Cuñados”, a maior estrea comercial en Galicia dun filme en galego

O filme chega hoxe ás salas de cine da comunidade e de España

Touriñán, nunha das escenasen Ourense.

Touriñán, nunha das escenasen Ourense. / JAIME OLMEDO

Mar Mato

Mar Mato

Xosé A. Touriñán segue en racha pero cruza os dedos. Tres proxectos agardan pola súa alfombra vermella: a chegada aos cinemas hoxe de “+Cuñados”, segunda parte de “Cuñados”; a posible segunda tempada da serie “Na Gloria” para a TVG con Cristina Castaño e Dani Rovira; e a estrea nuns meses dunha nova serie para Netflix rodada en Galicia e co narcotráfico de base, “Clanes”, na que el dá vida a un narco. Sobre este último, sinala que “é distinto ao que xa fixen. Non ten nada que ver con “Fariña””. Mentres chegue, toca escachar coa risa con “+Cuñados” que se converte na maior estrea comercial en Galicia dun filme en galego: 34 salas de cinema ás que hai que engadir 11 fóra do noso territorio. Nela,volve coincidir con Miguel de Lira, Federico Pérez, María Vázquez, Mela Casal, Eva Fernández ou Iolanda Muíños nas reviravoltas dos tres cuñados máis liantes da pantalla.Desta vez, a sombra do cárcere irá tras eles nesta entrega do cinema galego.

–Que vibracións ten?

–A verdade é que os nervios pasaron en Ourense na preestrea días atrás. A resposta do público foi moi chula, moitas risas e parabéns. Creo que fixemos unha peli moi entretida e divertida. Podo afirmar que segundas partes, neste caso, van ser boas e mesmo mellores.

Foto de familia na preestrea de "+Cuñados" en A Coruña o xoves á noite.

Foto de familia na preestrea de "+Cuñados" en A Coruña o xoves á noite. / E.V.

–Cando lles presentaron o guion, cambiárono moito con colleita propia?

–A verdade é que no caso dos tres cuñados temos a sorte de que tanto no anterior proxecto como neste deixáronnos participar nesa fase de guion. Araceli Gonda (guionista) xa escribira as primeiras versións do guion pero deixáronnos opinar e propoñer. Iso axúdanos moitísimo para empaparnos da historia e ir rodar máis cómodos. Non é habitual isto. Para nós, é un proceso moi beneficioso, vas cunha predisposición distinta. Levabamos a película na cabeza inda que houbo unha semana de ensaios previos. Iso é fabuloso.

–A película, dirixida por Luís Avilés, comeza cos tres cuñados disfrazados de muller na ponte entre Tui e Valença.. Acaban de perder algo que rescata a policía.Como foi ese momento entre drama e comedia?

–Foi xogar ao mesmo da primeira entrega de tres tipos metidos en problemas que moitas veces son legais ou politicamente incorrectos. Intentamos que os nosos protagonistas representen a calquera que se poida meter nun lío destes. Ademais, con cada cousa que fan, métense en máis problemas. Non podo contar moito máis sobre o que pasa na Ponte de Portugal. Tres tipos como estes e co marco do Entroido de Ourense; pode pasar calquera cousa, cousas surreais. Ese é o marco no que nos movemos.

Touriñán, protagonista de "+Cuñados".

Touriñán, protagonista de "+Cuñados". / Jaime Olmedo

–Que dificultade tivo o seu personaxe nesta entrega? Bascula moito, nuns momentos semella afundido; noutros, é superfeliz...

–Hai unha preparación do trío, dun traballo dos tres protagonistas para buscar un equilibrio. Ao final, os cuñados son como un ente único. Despois, o traballo de Sabonis desta vez é que pasa a peli agobiado. Iso cansa bastante. Pasei as cinco semanas de preparación agobiado, fastidiado, deprimido... Intentei manter ese raccord, o que foi difícil.

–A película gusta porque é unha fiestra leda a como viven os galegos máis familiares: coidado pola comida, pola bebida, pola familia, polo lugar..

–Hai familias e familias en Galicia pero nós imos comer case todas as fins de semana á casa dos avós, xúntanse xeracións nas mesmas casas, compartimos problemas... Eu non sei se é xeral pero eu síntome representado na película. Esta peli marida a vida nos viñedos coa vida na cidade, en Ourense. É un reflexo porque está rodada onde está rodada (Ourense) e os actores rodamos como se foramos familia, o que se percebe na película. O traballo foi moi familiar tanto en actores como en equipo técnico. Iso traspasa a pantalla cando traballas con esa verdade.

Miguel de Lira, Touriñán e Federico Pérez, caracerizados para o Entroido da película "+Cuñados".

Miguel de Lira, Touriñán e Federico Pérez, caracerizados para o Entroido da película "+Cuñados". / J.Olmedo

–A primeira entrega fora un éxito. Sorprendido de que conectara mesmo fóra da terra galega?

–En parte si porque era un momento fastidiado da pandemia. Era complicado acudir aos cinemas. Sorprendeume moito a cantidade de xente que foi ao cinema vela. Este parece ser un mellor momento así que espero que vaia tamén xente. Por outra parte, non me sorprendeu o éxito porque creo que en Galicia fanse poucas comedias e hai unha cantidade de persoas que queren os actores e actrices que aparecen na televisión, en moitos programas. A xente quere esas caras. Penso que se aposta pouco pola comedia, por facer películas para o gran público en galego. É un camiño aberto para que se anime moita máis xente para facer cinema deste tipo.

–É unha reflexión na que nunca reparara. Non sei a que se deberá...

–Eu tampoco sei por que. Igual hai menos axudas para as comedias para os produtores de cinema ou sempre se valorou menos. Entre drama e comedia, sempre parece que se valorou menos a comedia na profesión pero despois o público valóraa moito máis. Nós vímolo no teatro e nos programas de televisión que se fixeron de comedia na TVG. Temos o público un pouco esquecido para darlles contidos de risas. En Galicia, temos un xeito de facer comedia e a xente está esperando por máis contidos.

–Facer unha boa comedia é moi difícil. Podes quedar en ridículo co chiste.

–Eu creo que é mil veces máis difícil facer comedia que facer drama. É así, é máis difícil facer rir que chorar. Vémolo nas noticias todos os días. Por iso, igual hai unha infravaloración da comedia. Vai sendo hora de romper unha lanza en favor dela. Os cómicos temos que sacar peito.

–Que anécdota pode compartir connosco?

–Imaxínate rodando esta comedia todas as veces que houbo que cortar porque riamos. Iso é o que ten de malo, necesitas máis tempo para rodar por eses paróns. Ben, iso sucede cando o comedia é boa porque teño feito comedia na que non nos riamos en ningún momento rodando. Pretendían que fora unha comedia pero... É marabilloso ter que cortar para rir. Lembro moitos risos e hostiazos porque xa veredes que hai unha escena na que me teño que meter nun conxelador e case rompo a espalda. Había un especialista pero decidín facelo eu e case me mato.

Suscríbete para seguir leyendo