O actor Federico Pérez, un dos "+Cuñados", comparte anécdotas en Vigo esta fin de semana

O intérprete, protagonista do filme con Touriñán e De Lira, estará este domingo en dous coloquios no Multicines Norte e nos Yelmo Travesía

Touriñán, De Lira e Federico Pérez na preestrea na Coruña esta semana.

Touriñán, De Lira e Federico Pérez na preestrea na Coruña esta semana. / P.C.

Mar Mato

Mar Mato

A segunda parte da longametraxe galega e en galego "Cuñados" xa está nas nosas carteleiras e o equipo anda tolo por Galicia na promoción de "+Cuñados". Esta fin de semana, o actor Federico Pérez visitará Vigo para manter dous coloquios cos fans.

As citas son este domingo día 21 no Multicines Norte no pase das 17.40 horas e nos Yelmo Travesía ás 18.15 horas. Será un momento idóneo para preguntarlle polas anécdotas da rodaxe desta comedia.

Unha vez máis, os tres cuñados se presentan a unha lea de problemas que mesmo os poden levar ao cárcere. Estes tres pedazos de pan volverán liala sen querer unha e outra vez. Un cadáver aparece na Ponte Internacional sobre o Miño entre Tui e Valença. Haberá que ver a película para saber se teñen algo que ver co asunto.

Nunha entrevista con FARO, Touriñán amosábase moi contento co resultado desta segunda entrega ao tempo que animaba a produtoras e directores a facer máis películas de comedia na Galicia.

A película foi rodada en Ourense e recrea o Entroido da cidade cun elenco no que tamén figuran María Vázquez, Iolanda Muíños, Mela Casal ou Eva Fernández con guion de Araceli Gonda e dirección de Luis Avilés. Na historia do cinema en galego é a estrea en Galicia que se verá en máis salas, 34. A estas, hai que sumar otras 11 fóra da nosa comunidade.