Opresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, convertirase mañá no "honoris causa" número 18 da Universidade de A Coruña. Trátase dunha homenaxe máis das moitas que está a recibir este intelectual galeguista, artista e impulsor do Grupo Sargadelos. Ante estes recoñecementos, esta figura emblemática galega refórzase nos seus ideais de defensa do tecido industrial galego e do idioma. Sobre este último, sinala que "se está estragando. Os mozos xa non fan o amor en galego, fanno en castelán e iso é tremendo".

Nun mundo e nun tempo no que moitos estudiosos renuncian a imaxinar o futuro a longo prazo, Díaz Pardo augura que, co tempo, o galego desaparecerá como lingua coloquial e quedará unicamente como lingua culta, ao igual có latín, para o seu estudo.

O fundador de Cerámicas do Castro engade que a perda de falantes nun país non é un caso que só atinxe á Galiza. Como exemplos, apunta Porto Rico e Filipinas. Respecto do primeiro, sinala que "é un país hispanofalante que é un estado asociado dos Estados Unidos e onde a xente fala inglés, ou Filipinas, onde tamén se falaba español e xa nin se lembran de nós".

Respecto ás negociacións para o Estatuto, Isaac Díaz Pardo considera que as diferenzas xurdidas entre as distintas formacións políticas constitúen unha cuestión menor. "Diga o que digan, que se nación, que se nacionalidade, Galiza é o que é. Eu deixaría andar as cousas porque a denominación é o de menos, pero non hai acordo de palabra e o país queda á deriva. O mesmo Castelao dixo que para el nación ou nacionalidade vén representar exactamente o mesmo", sinalou.

Denuncia e polémica

Por outra parte, preguntado polos numerosos actos na súa honra que se están a celebrar e convocar, afirma que "máis ca homenaxes a min, son actos de desagravio polo que pasou en Sargadelos". Con estas declaracións, fai alusión á "operación de derribo" da que foi obxecto por parte do avogado Santiago Sineiro.

Sobre este último, Díaz Pardo asegura que "non fixo ningún plantexamento capitalista porque non entende a empresa, a súa única interese é quedarse con todo para acaparar o poder e ter o mando. Pero vaino pagar". De feito, nunha entrevista da Radio Galega recientemente, o galeguista explicaba que o asunto estaba nos tribunais.

En canto ao futuro económico da Galiza, imaxínao con máis sombras ca luces a raíz da situación actual de "colonización". "Galiza está colonizada. Nin os ríos son nosos, nin o vento é noso. Fabricamos moitos automóbiles, pero non son nosos; producimos unha grande cantidade de aluminio pero non é noso. Moitas das empresas que se crean aquí cotizan fóra", sentencia.