Houbo aplausos que retumbaron sinceros dos máis de un centenar de mozos e mozas aos premiados no certame, e ninguén levantou o cu ata que o último verso deixou de facer eco no salón de actos do instituto. Ao escenario subiron primeiro os seleccionados na categoría A, destinado a alumnos de ESO. Daniel Varela Gómez, do centro de Ponte Carreira, na Coruña, acadou o primeiro premio; Carme Eyo Conde, do instituto Valle Inclán, de Pontevedra, foi segunda; e Victoria Pérez Gascón, do IES Xesús Taboada Chivite, de Verín (Ourense) recibiu o terceiro premio dun xurado integrado polos profesores de Lingua e Literatura Salvador Castro e Pedro Pablo Riobó.

Ao instituto organizador non lle faltaron representantes entre os elexidos. Os alumnos Lucía Iglesias González e Aitor Outeiral Currás acadaron o segundo e terceiro postos na categoría B, orientada ao bacharelato e ciclos de grao medio. A gañadora foi Laura Ramos Cuba, que estudia 2º curso no instituto Perdouro, de Burela, en Lugo. "Vou ler un poema meu. Titúlase 69", anunciou, ao tempo que se desataba unha tronada de risas contidas. "Malpensados...", deixou oír, mentres comezaba a recitar un dos poemas máis auténticos, sensuais e festivamente profundos que teñen saído dese escenario, fogueira de San Xoán, invitación a vivir moi celebrada. O agasallo co que a organización acompañou o sobre dos cartos, un ramo de herbas, o tradicional cacho, foi complemento aromático perfecto para os sentidos.

Na entrega de galardóns participaron a directora do instituto, Chus Moreira, a coordinadora de Normalización Lingüística, Monse Logroño, e o membro do xurado Pedro Pablo Riobó, que ven de publicar recentemente o libro de poemas "As desfeitas do día". Explicou que leron a fondo todos os traballos e premiaron os poemas no seu conxunto (entre tres e cinco por autor, sinalan as bases), e fixo un exercicio de memoria para reparar no seu primeiro premio literario, cando tiña uns 15 anos. "Daquela pensaba que era moi bo e onte busquei o poema na casa... Non vos digo máis", sinalou, nun breve alarde de recursos teatrais antes de augurar moitos éxitos literarios no futuro aos gañadores e de agradecer o traballo constante e discreto de Sol Robleda pola vixencia do certame.

Música e deporte

Ademais da musicalidade poética, o fin de curso tamén se celebrou no María Soliño con actividades deportivas e un concerto no que se interpretaron unha ducia de pezas de distintos autores e estilos para pechar o telón até o outono.