Opinión | Os Camiños da Vida

No campus

Multitudinarias acampadas a favor de Palestina y contra Israel en los campus universitarios de EEUU

Multitudinarias acampadas a favor de Palestina y contra Israel en los campus universitarios de EEUU / EP

En 1968, Carlos Alonso del Real publicou un artigo no que daba apoio aos estudantes revoltados de Compostela. O profesor obsevaba nas maneiras dos alumnos compostelanos un punto de imitación dos seus colegas rebeldes dos EE UU. Daquela, impuxérase, como himno da folga galega universitaria, o canto do “Venceremos nós”; ou sexa a versión autóctona dun himno de combate que interpretaba Joan Baez. Franco Grande adaptara a Galicia o poema, e en galego. Certamente fora en 1968, e no fragor do asembleísmo e das ocupacións de facultade, cando en Compostela se introduciu a palabra “campus”. Trátase dun latinismo contaxiado ao galego desde o inglés norteamericano co significado de xardín universitario ou conxunto de predios propiedade dunha universidade.

Chamóuselle, masiva e unamimemente, “campus” ao que fora coñecido coma xardíns da residencia de estudantes que creou na República o rector Cadarso. Esta acepción do orixinal latino “campus”, cuxo significado clásico é o de terreo oposto á idea de “mons” ou” montaña”, en Vigo non puido prosperar ao acharse Marcosende a moita altura. Perante os ollos contrariados do mundo, o exército israelí esmaga agora a poboación árabe palestina.

“Asistimos na televisión ao espectáculo atroz dun xenocidio consentido e acirrado polo Imperio. Pero hai resistencia”

Os dereitos humanos concúlcanse abertamente e podemos asistir na televisión ao espectáculo atroz dun xenocidio consentido e acirrado pòlo Imperio. Pero hai resistencia. Primeiro foi na Universidade de Columbia. Os estudantes recuperaron o vello estilo “campus en loita” e conseguiron facer que o rector dixera as palabras necias que ben coñecen os veteranos do Movimento Universitario Compostelano: “Aquí hai axitadores estraños ao campus”. No noso Santiago falárase de “inmunda escoria” e estas palabras insultantes foron ben explicadas polo historiador Ricardo Gurriarán. En poucas semanas o movimento contra a guerra e en solidariedade coa causa palestina extendeuse polas universidades dos EE UU e do mundo.

Na ONU formouse un bloque en favor da fin da guerra. Houbo un tempo no que os comunistas de nación xudea e árabe propuñan, coma mellor solución ao conflito, a conversión de Israel nun estado binacional de territorio compartido cuxas poboacións convivisen porta con porta. Isto parece que non vai ser posibel, e hoxe o horizonte desexábel é o dun estado palestino soberano so a protección da ONU. Vexo con horror que esta columna viaxou dun campus universitario no que se cortan as rosas do benestar burgués a unha Gaza convertida en campo de exterminio masivo. Desexamos que Goterres teña máis sorte nos seus esforzos humanistas do que tivera, nun pasado negro, o seu predecesor Dag Hammarskjöld.

Suscríbete para seguir leyendo