Opinión

Xoel Ben Ramos

A emenda Ferrari

En 2035 ninguén poderá mercar un coche novo movido por combustibles fósiles na UE. A partir desa data, nada. Quedarán algúns quilómetro cero e os semi-novos pero recén saído da cadea de produción, ningún. Bueeeno... a ver... isto é así, e é verdade, pero, se por un casual (que puidera ser) tiveras seiscentos mil euros, ou máis, pois daquela si podes facerte cun bólido noviño do trinque. De verdade. A UE permíteche, “por ser vos quién sois”, adquirir un bólido duns 1000 c.v. e motor gasolina. Botando contas semellaría coma se mercaras ducia e media de utilitarios, pero xa sabemos que non. Non é o mesmo un Ferrari SF90 Spider que dezaoito Peugeots. E iso que terás os mesmos cabalos e por aí gastarás.

Esta anomalía dentro da persuasiva política de sostibilidade da Unión Europea, chámase “A emenda Ferrari”. Entre nós, unha fenda legal para millonetis; o conto ese de que protexerán millóns de empregos é unha trola gorda. Basta reparar no cadro de persoal da nosa Stellantis viguesa (serán uns seis mil empregos largos) e disme que a Rolls-Royce, Koenigsegg, Bugatti ou Lamborghini, poucas máis haberá, empregan millóns de traballadores?, en fin... E que conste, tampouco é nada excepcional eso de “axudar” aos máis favorecidos. Aquí, se soltabas cincocentos mil euros nun inmoble, ata fai pouco dábanche a residencia española porque favorecías a inversión estranxeira. O máis curioso: nin tiñas que vivir acó, só deixarte caer anualmente. E a autorización era para o comprador e a familia ao completo!, sen pasar pola enrevesada burocracia que se lle requería a tódolos outros solicitantes. O Reino Unido, por exemplo, practicaba idéntica política de permisos cos oligarcas rusos e a World’s Richest People en xeral, sen importar cal era a orixe da sua fortuna; pero ao certo, nin en España nin na illa, influíron de xeito substancial na dinámica económica. Agora vemos o contrario, os migrantes que o conservador Rishi Sunak vai deportar a Ruanda aplicando a nova “Lei de Seguridade”, arribaron sen cartos. Interesan cero. Sobran.

A carambola perversa destes “irregulares”, cos que o primeiro ministro británico vai amosar a “man dura” dese cruento plan migratorio, é que son fillos dos de fai catro décadas; cando Margaret “Ferro” Thatcher propoñía limitar os traballadores foráneos. De aplicarse por completo aquela medida, quen sabe se Mr. Sunak podería ter rematado “de patitas en la calle”, pois os pais do actual líder torie, de ascendencia india, emigraron a Gran Bretaña desde as colonias africanas do Imperio, e afortunados por ficar.

No fondo chámeselle “Emenda Ferrari” ou “Lei de Seguridade de Ruanda”, os que pertencemos en maior ou menor medida aos desposuídos, témolo ben complicado. Só é cuestión de tempo.

Suscríbete para seguir leyendo