"O noso é o noso"; "vivamos como galegos"; "orgullosos do noso"; "temos un apelido do que estamos orgullosos"; "keep calm and speak galego". Nestes tempos de ausencia de Galicia no debate sobre o novo status institucional de Cataluña e Euskadi, unha empresa cervexeira, unha cadea de supermercados, unha equipa de fútbol, unha compañía eléctrica e unha multinacional de electrodomésticos encargáronse de evidenciar que se Galicia está ausente non é porque non haxa país.

Demostrando o seu acerto ao interpretar a realidade e o sentir dos galegos e galegas, deseñaron campañas publicitarias que apelan ao sentimento de galeguidade, ao noso xeito de ser, á nosa forma de vida, recorrendo a elementos identitarios tan potentes e arraigados coma a paisaxe, a gastronomía, a música, as tradicións festivas ou o clima (se chove, que chova!!). Conectar con ese sentimento é clave para o seu éxito comercial en Galicia.

Os seus anuncios revelan que a nosa idiosincrasia e identidade é única e irrepetíbel e explica a nosa propia historia milenaria: desde a provincia da Roma Imperial, pasando polo reino medieval da Galiza, até chegar á actual comunidade autónoma e nacionalidade histórica. En fin, simples vicisitudes políticas reveladoras do importante: que a nosa existencia como pobo se remonta a tempos pretéritos e trascende as conxunturas históricas.

Por iso, unha emoción indescriptíbel invádenos cando neses "spots" vemos expresada a nosa maneira de ser e entender a vida: malo será!. Ese forte e nobre sentimento de pertenza e identidade lévanos a estar orgullosos de sermos galegos e galegas e engrandécenos nun mundo pragado de individualismo e desarraigo.

Paradoxalmente, hoxe, moitos dos que sentimos abrollar esas emocións, vivimos con tristura e desesperanza que os nosos sentimentos de galeguidade carezan de expresión política e que, en consecuencia, Galicia estea, en efecto, politicamente ausente.

Sen dúbida esa ausencia, e parte dos nosos problemas, teñen a súa orixe nun marco de autogoberno insuficiente. Tamén é certo que os que case sempre ocuparon as institucións galegas renunciaron a exercer ese autogoberno. Pero se Galicia está hoxe ausente, a principal responsabilidade reside nos que crendo no autogoberno e aspirando a máis, erramos e fomos incapaces, durante décadas, de ofrecer unha alternativa política xenuinamente galega, críbel, compartida, conectada coa realidade deste país e achegada á nosa forma de ser. Por iso, algúns, fóra desde hai anos da vida pública e de calquera militancia partidaria, vivimos hoxe na máis absoluta orfandade política.

Mais non debemos perder a esperanza. Keep calm and carry on, "Manteña a calma e continúe para adiante!", era a frase que o goberno británico tiña preparada para difundir caso que os nazis invadisen o Reino Unido. A frase acainos ben: somos iso, calma e para adiante!. Temos país. Fagamos, entón, agromar a súa expresión política. Como? Sumando aos que cremos que facer política non é perseguir a adhesión ideolóxica convertendo aos demais á nosa fe, senón procurar o apoio a un proxecto por ser o máis útil e beneficioso para o país; aunando aquelas vontades coincidentes na interpretación da Galicia real actual e non da ensoñada; integrando aos que queremos unha organización para gobernar e non para pontificar desde dogmas e consignas dicindo aos demais o que deben facer; achegando aos que demandamos a erradicación dos actuais vicios do sistema político-partidario; en definitiva, incorporando aos que arelamos un proxecto político galego serio e cohesionado por novas bases ideolóxicas, lonxe do exquisitismo ideolóxico, hoxe traducido nun marxinal e traxicómico minifundismo partidario.

Somos milleiros os galegos e galegas que non acreditamos nas forzas do bipartidismo español e que tampouco nos sentimos identificados coas forzas que actualmente se erixen na súa alternativa. Construír un novo proxecto político cos pes na Terra, feito por nós mesmos e pensado para nós mesmos, non pode ser ocorrencia duns cantos ilustrados, nin debe responder ao enfado da sociedade ante a podremia do "establishment", unindo de xeito variopinto a todo aquel desexoso de derrotar a un adversario común. Ten que xurdir como resultado dun proceso social de reflexión que remate unindo aos que demandamos unha alternativa que ocupe o espazo central na política do país.

Nunha das campañas publicitarias, un "supergalego", gaita en man, a xeito de arma de orgullo masivo, bérranos: "Valora o teu, valoremos o noso, e nada poderá pararnos". Construamos por nós mesmos unha alternativa política que valoremos como nosa e, efectivamente, nada poderá pararnos.