Esta é unha conmemoración moi especial porque permite reconstruír a memoria da cidade e lémbranos a todos os vigueses, de adopción ou de nacemento, e a todos os galegos, que por detrás de nós se estende un pasado denso e rico, ateigado de vivencias que nos acompañan de por vida..

Unha cidade que arrecendeu sempre a liberdade e a traballo porque eses son os aromas que trae consigo o aire do mar, que son como aqueles "xílgaros que van e veñen sobor do vento mareiro do mar de Vigo" que cantaba Lorenzo Varela.

Vigo foise facendo así, ao carón das lonxas e dos peiraos, con vocación de cidade libre e traballadora, sempre unida ao seu porto e á súa ría, a este mar que, dende Martín Códax, lle abre as portas do mundo.

Nesta cidade, o mar fíxose saber e industria, fonte de vida e riqueza, dende as primeiras industrias pesqueiras ata os anos recentes, caracterizados pola modernización da industria conserveira, da pesca, da construción naval, e pola puxanza innovadora da automoción e da universidade. Aquela pequena vila mariñeira e pescadora, é hoxe este Vigo cidade de acollida, inquedo e bulideiro, que gañou a pulso a súa imaxe de urbe emprendedora, dinámica, aberta e chea de vida.

Mais en Vigo falar da memoria é falar tamén do presente e do futuro, porque non é unha cidade dada a recrearse no xa feito, senón a mirar sempre cara adiante e propoñerse novos retos.

Coido que hoxe a clave está en ser quen de poñer a traballar xuntos ao sector privado, á sociedade civil e ás institucións, no desenvolvemento dos proxectos colectivos por acadar, sen confrontacións nin vitimismos. Na ordenación do seu urbanismo, no diálogo entre o porto e a cidade, nos equipamentos e infraestruturas estratéxicas, no inxerimento intelixente e cooperativo nun contorno máis amplo que os seus límites administrativos, na aposta pola innovación e o coñecemento.

E sen dúbida, son os vigueses e viguesas, que construíron día a día esta cidade, os actores e protagonistas os que decidiron "ollar o mar aberto, as amplas rotas dos soños e as gaivotas non cazadas" como din os versos dese gran poeta de Vigo que é Bernardino Graña.