Manuel González, actual tesoureiro en funcións da Real Academia Galega (RAG), foi o primeiro en erguer a man para reemprazar a Xosé Luis Méndez Ferrín, co que formou equipo na directiva e cuxa xestión sempre defendeu.

-Estes días soaron ofertas de integración dende a outra lista. Hai diálogo ou non?

-Dende que anunciei a miña intención de presentarme afirmei a vontade de chegar a un consenso con calquera outra candidatura, pero a realidade é que non recibín ningún achegamento, nin unha soa chamada nese sentido, polo que coido que é unha actitude máis de cara a galería ca unha vontade real de chegar a un consenso.

-Manterá esa oferta despois?

-Despois da elección é case imposible porque o que escolle o plenario non é só o presidente, senón tamén á executiva. A vontade de chegar a un consenso debe ser anterior.

-O cargo será moi disputado?

-Non quero entrar niso. O voto é secreto. Os académicos teñen a suficiente madurez para saber que criterios os deben levar a tomar unha decisión libremente e en conciencia e non sei cal vai ser o resultado.

-Non lle preocupa que poida darse un resultado axustado que manteña a división na entidade?

-Ese, o dunha posible fractura da Academia, é un problema real e un dos grandes temas que ten que enfrontar o presidente gañador: recuperar un clima de confianza, ilusionante, para todos os membros do plenario independentemente da postura que tiveran con anterioridade porque sería gravísimo que se acentuase unha fractura entre dous grupos na Academia.

-Esta é unha situación sen precedentes históricos...

-Ata agora sempre houbo unha candidatura única. É a miña vontade que tamén desta vez fose así, pero non foi posible. Pero que haxa dúas é algo democrático que non debe escandalizar.

-Preséntase coma un candidato continuista.

-O que se fixo, se fixo ben. Se insisto é porque vin por aí que a outra candidatura se presentaba como de rexeneración. Creo que a Academia non ten nada que rexenerar. Leva moitos anos camiñando polo camiño correcto. Nos últimos tempos acadou un financiamento e un recoñecemento como nunca antes. Púxose en marcha a web ou o dicionario en rede e á fronte de iniciativas coma o PuntoGal. Por iso non ten que rexenerarse, senón afondar máis no camiño que viña transitando.

-Pero houbo moitos asuntos conflitivos nese camiño.

-As primeiras críticas á xestión da directiva apareceron co recurso do Decreto do galego, que dicían que era pouco argumentado, cando nel participaron os mellores xuristas de xeito desinteresado. Logo foi o Audi, que aceptamos porque levabamos tempo pensando en mercar en leasing un coche porque se gastaba moito en taxis. Logo díxose que a directiva cobraba un soldo, cando nunca ocorreu. - daí pasouse aos contratos e ás acusacións de nepotismo. Saíron tres casos, o do meu fillo, que traballa na casa museo de Pardo Bazán e cuxo único pecado foi mandar o seu currículum. Non souberon ata tempo despois que era o meu fillo, aínda que xa sei que estas cousas non se cren. Outro foi o fillo do secretario Luis Axeitos, Ricardo, ao que coñecín antes co seu pai porque debe levar 16 anos na RAG e agora preséntase coma un escándalo. - o terceiro, o da filla de Ferrín, que veu indicada dende o entorno que elaborou a web. Non veu o seu pai a ofrecela. Nesas relacións produce morbo é o das relacións familiares, pero ninguén mira a capacitación e o desempeño. - despois pasou o das contas, coma se a Academia tivese algo que agochar, cando ten que xustificar cada céntimo diante de Goberno, Xunta e Deputacións. Demostrouse que aí non había nada. - aínda houbo cousas máis graves, persoais, que non se atreveron a filtrar á prensa, pero que se difundiron boca a boca, dunha baixeza que di moi pouco de quen as inicia.

-Que medidas tomará en prol da transparencia?

-A ningún presidente da Xunta hai vinte anos se lle ocurría ter que facer pública a declaración de bens pero hoxe é unha esixencia da sociedade a transparencia e o meu compromiso con iso vai ser total. As contas van estar abertas sempre para os académicos. Eliminar na sociedade calquera asomo de dúbida que poida haber nese sentido é fundamental para a Academia. Tampouco se vai tomar ningunha decisión importante sen que pase e sexa aprobada polo plenario.

-Que postura defende no tema do Decreto do galego?

-O recurso é unha obriga da RAG. A RAG ten dentro da súas funcións velar polos dereitos lingüísticos da lingua galega. Polo tanto ten a obriga de facelo e a demais acordou nun plenario o de acudir, recorrer, ás últimas instancias en contra deste Decreto e este non se retirou. A RAG recorreu primeiro ante o Tribunal Superior de Xustiza que modificou certas cousas que aínda non foron incorporadas na práctica e seguiu recorrendo diante do Supremo e é posible que aínda teña que recorrer a tribunais europeos. Se son eu presidente non o vou dubidar se é necesario. Pero a RAG non é unha entidade con vocación litigante, senón que ten vocación de entenderse con todos os poderes públicos e este recurso pódese retirar en calquera momento. Cando? Pois cando se entable un proceso de negociación que acade un consenso lingüístico como o do Plan Xeral de Normalización Lingüística e se adopten as medidas encamiñadas á defensa dos dereitos e á promoción da lingua galega.